Convocada folga indefinida na limpeza de Ourense polo bloqueo do convenio

O comité de Ecourense esgotou todos os recursos na busca dun acordo en 18 meses de reunións
25/1/18.
O comité de empresa de Ecourense, concesionaria do servizo de limpeza e recollida do lixo do Concello de Ourense, vén de convocar folga indefinida a partir do luns 5 de febreiro ante o bloqueo das negociacións para renovar o convenio colectivo. A decisión foi adoptada en asemblea pola práctica totalidade do cadro de persoal despois de esgotar todos os recursos na busca dun acordo durante máis de 18 meses de xuntanzas coa dirección.

Esixen a readmisión da traballadora de Sar Quavitae despedida tras ir na candidatura da CIG

A empresa xestiona a residencia Concepción Arenal da Coruña
25/1/18.
Baixo a consigna "despedida readmisión", a CIG realizou unha concentración este xoves diante da residencia de maiores Concepción Arenal -na cidade da Coruña-, de titularidade pública pero xestionada por Sar Quavitae, para esixir a readmisión dunha traballadora á que a empresa botou á rúa logo de encabezar unha das candidaturas da CIG. Coa protesta tamén se queren rexeitar as manobras da empresa para impedir que a central sindical obtivera representación neste centro de traballo e esixir o cese inmediato da política de acoso laboral e sindical practicada pola dirección.

"En Inditex queremos traballar e tamén conciliar"

Concentración en Compostela coincidindo co xuízo contra Breshka por denegar a concreción horaria
23/1/18.
As portas dos xulgados de Compostela acollían esta mañá unha concentración para visibilizar os impedimentos que as traballadoras de Inditex, nomeadamente da firma Bershka, atopan para poder conciliar a vida laboral e familiar. A protesta coincidía co xuízo pola demanda presentada por unha traballadora á que a dirección da empresa lle denegou a concreción horaria que solicitou para poder coidar da súa crianza. Finalmente, o xuízo foi suspendido ao chegarse a un acordo con Bershka tras unha "longa, dura e tensa negociación".

Persoal de limpeza do Hospital Clínico denuncia na Xunta os incumprimentos de Grupo Norte

O Consello de Contas apunta que a xestión pública garantiría maior eficiencia ao menor custe
18/1/18.
Persoal do servizo de limpeza do Hospital Clínico concentrouse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza para denunciar os incumprimentos do convenio colectivo e dos acordos en sede AGA por parte da nova empresa adxudicataria Grupo Norte. Xunto a isto denunciaron os incumprimentos por parte da adxudicataria da súa propia oferta de licitación, canto ao número mínimo de persoal diario ofertado. Unha situación agravada ao negarse a subrogar ao 100% do cadro de persoal que se dá “co coñecemento cómplice do CHUS que a día de hoxe non adoptou medida algunha”.

Instan a E. Leclerc e ao centro comercial da Abella a "facer o máximo esforzo" para manter 58 empregos

A empresa aplicará un ERE de extinción se non chega a acordo coa área comercial de Lugo
15/1/18.
O persoal de E. Leclerc e a CIG-Servizos instan a empresa francesa de supermercados e a empresa propietaria do centro comercial da Abella (Lugo) a realizar "o máximo esforzo" para facer posíbel a continuidade do hipermercado e dos 58 postos de traballo".

Sar Quavitae manobra para deixar a CIG fóra das eleccións e despide a unha das candidatas

A empresa rexenta a residencia de maiores pública de xestión privada Concepción Arenal da Coruña
10/1/18.
A CIG-Servizos da Coruña quere denunciar publicamente as manobras da empresa Sar Quavitae para botar abaixo a candidatura da CIG nas eleccións sindicais da Residencia de Maiores Concepción Arenal (de titularidade pública pero de xestión privada), así como a política de persecución que está a practicar contra as traballadoras que formaban parte das listas da central. Unha persecución que se concreta no despedimento arbitrario da traballadora que encabezaba unha das candidaturas, menos dun mes despois de celebradas as eleccións.

Distribuir contido