Urbaser

Traballadores/as de toda Galiza percorreron Lugo en solidariedade coa loita do persoal de Urbaser

Denunciarán por vía penal à empresa e a Orozco, en canto a Inspección constate que se vulnerou o dereito á folga
05/7/14.
Centos de persoas chegadas de toda Galiza participaron este sábado na manifestación convocada en solidariedade cos traballadores e traballadoras de Urbaser de Lugo, para arroupalos/as na súa loita e reclamar a readmisión dos/as despedidos/as, a anulación das máis de 66 sancións impostas e a sinatura dun convenio digno. En representación da CIG Paulo Carril, secretario de Organización, expresou o apoio incondicional da central sindical, animou ao cadro de persoal a non dar “nin un paso atrás” e a resistir nas súas xustas reivindicacións.

Logo de tres semanas de folga, Urbaser senta a negociar por primeira vez cos traballadores/as

Ambas partes quedaron emprazadas a unha nova xuntanza este xoves, coa presenza do mediador
01/7/14.
Logo de 23 días de paro, denuncias reiteradas por parte do Comité por vulneración do dereito á folga e coa perspectiva de reclamar a readmisión do persoal despedido e a retirada de todas as sancións impostas, traballadores/as e representantes de Urbaser reuníronse por primeira vez esta xornada coa presencia dun mediador, quedando emprazadas ambas partes a unha nova xuntanza para mañá, xoves.

O Comité de Folga de Urbaser denuncia a existencia dun vertedoiro ilegal de lixo nunha finca do Ceao

Afirman que a retirada dos residuos demostra as constantes “actuacións irregulares do Concello e a empresa"
30/6/14.
O Comité de Folga de Urbaser presentou denuncia diante da Policía Autonómica o pasado sábado, logo de detectar a existencia dun vertedoiro ilegal no que se acumulaban sobre 80 toneladas de lixo. Tan só un día despois, na tarde do domingo comezaban as tarefas para a retirada dos residuos, un feito que para o Comité demostra a “absoluta ilegalidade deste vertedoiro” e clarifica “as constantes actuacións irregulares por parte do Concello e Urbaser” dende que deu inicio a folga indefinida.

O persoal de Urbaser denuncia diante da Inspección de Traballo a vulneración do dereito á folga

Camións escoltados pola policía e traballadores/as substituíndo aos folguistas recolleron o lixo a pasada noite
27/6/14.
O persoal de Urbaser, que continuou este venres coas mobilizacións, presentou unha denuncia diante da Inspección de Traballo por vulneración do dereito á folga. A pasada noite a empresa sacou das instalacións catro camións de carga lateral que foron baleirando os contedores. Un traballo que desenvolveron traballadores con roupa da empresa, escoltados pola policía, co obxectivo de substituír aos que están en folga.

O Comité de Folga de Urbaser e as centrais sindicais presentan unha moción solicitando o rescate e municipalización do servizo

Piden á Corporación local que inste á empresa a inmediata readmisión dos despedidos/as e á retirada de todas as sancións
26/6/14.
“Rescate do servizo” foi a petición que os traballadores e as traballadoras de Urbaser transmitiron este xoves ao Goberno municipal, logo do ataque laboral perpetrado onte pola dirección da empresa. O persoal concentrouse diante da Casa do Concello con motivo da celebración da xunta de voceiros/as, mentres o Comité de Folga e as centrais sindicais con representación (UGT, CIG e USO) rexistraban unha moción para que se debata por vía de urxencia no pleno do vindeiro luns.

O Comité de Empresa de Urbaser de Compostela valora a posibilidade de convocar folga indefinida

Ten que ser ratificada en consulta ás traballadoras e traballadores
26/6/14.
O Comité de Empresa de Urbaser de Compostela, reunido en xuntanza extraordinaria polos despedimentos dos compañeiros de Lugo, valorará a posibilidade dunha convocatoria de folga indefinida nas próximas datas, por mor das negociacións do seu convenio e en solidariedade coa loita dos compañeiros de Lugo, unha vez sexa ratificada en consulta aos traballadores e traballadoras.

Urbaser boicota a resolución despedindo o Comité de Folga e sancionando máis de 60 traballadores/as

Logo de 16 días de folga, a empresa radicaliza a súa postura de non negociación
25/6/14.
Na xornada 16 de folga na recollida de lixo de Lugo, Urbaser afonda a súa posición contraria á negociación e a unha pronta resolución conflito despedindo a 11 traballadores/as (os membros do Comité de Folga aos que abriu expediente disciplinario durante os primeiros días do paro) e sancionando a máis de 60 persoas por falta moi grave coa suspensión de emprego e soldo durante dous meses.

Centos de persoas manifestáronse en Lugo en apoio á loita dos traballadores e traballadoras de Urbaser

O persoal fai un chamamento á responsabilidade da empresa para que sente a negociar e pide ao Concello o rescate da concesión
20/6/14.
Centos de persoas, entre traballadores/as de Urbaser, familiares e sindicalistas que se achegaron dende todos os puntos de Galiza para arroupar ao persoal, marchaban na tarde de onte polas rúas de Lugo en defensa dun dereito fundamental da clase traballadora como é o dereito á negociación colectiva, e polo tanto, a ter unhas condicións laborais e salariais dignas, mais tamén para reivindicar o dereito á folga, que no conflito que se está a vivir en Urbaser Lugo está a ser vulnerado dende a propia administración local.

Urbaser readmite persoal despedido ao incluílos/as na recollida do lixo nas zonas declaradas en risco

O Goberno municipal de Lugo nega a entrada ao Concello aos secretarios comarcais da CIG e UGT
18/6/14.
Logo de oito días de folga e tras chegarse a unha situación caótica, o Concello de Lugo aceptaba esta tarde o ofrecemento dos traballadores e traballadoras de Urbaser para facer a recollida do lixo nas zonas marcada como de risco sanitario; unha proposta que o persoal vén facendo á empresa dende o inicio do paro indefinido. Co dispositivo xa preparado, a dirección de Urbaser impedía durante dúas horas a saída dos camións, ao non querer incluír no listado de efectivos aos/as despedidos/as; condición que o persoal non estaba disposta a asumir. Finalmente, por volta das 20:00 horas, Urbaser daba vía libre á saída do continxente de traballadores/as, entre os que se contaban tamén os doce despedidos/as.

Urbaser impide aos/as traballadores/as saír a recoller o lixo nas zonas declaradas en risco

O Goberno municipal de Lugo nega a entrada ao Concello aos secretarios comarcais da CIG e UGT
18/6/14.
Logo de oito días de folga e tras chegarse a unha situación caótica, o Concello de Lugo aceptaba esta tarde o ofrecemento dos traballadores e traballadoras de Urbaser para facer a recollida do lixo nas zonas marcada como de risco sanitario; unha proposta que, o persoal vén facendo á empresa dende o inicio do paro indefinido, mais que a compañía se nega a valorar. Porén, ás 19:30 horas, co dispositivo preparado, a dirección de Urbaser continuaba impedindo a saída dos camións e dos traballadores/as.

Distribuir contido