Estatutos

ESTATUTOS DA CIG-SERVIZOS APROBADOS POLO V CONGRESO

TÍTULO I. DA DEFINICIÓN, ÁMBITO E OBXECTIVOS

Artigo 1.- A FEDERACIÓN DE SERVIZOS da CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA, en siglas CIG-SERVIZOS, é unha organización creada polos traballadores e traballadoras de Galiza da FEDERACIÓN DE SERVIZOS, en tódalas ramas de Comercio, do Téxtil, do Metal, da Pel, do Vidro Plano, de Materiais de Construción, de Mobles e de Alimentación, Drogarías, Farmacias, Bazares, Floristerías, Herboristerias, Librerías, Hostalería, Axencias de Viaxe, Medios de Comunicación Públicos e Privados, Estudos Fotográficos, Cine, Teatro, Músicos, Espectáculos, Actores e Actrices, Dobraxe e Son, Deportes, Bibliotecas, Museos, Salas de Xogo, Casinos, Administracións de Loterías, Perruquerías, Tinturerías, Lavanderías, Limpeza, Predios Urbanos, Pompas Fúnebres, Xardinería, Clubes e Sociedades Recreativas, Seguridade Privada, Empregadas/os de Fogar, Residencias Privadas da 3ª Idade, Grandes Almacéns, Vixiantes de Parquímetros, Distribución de Butano, Axuda a Domicilio, Plantas de tratamento de RSU e outras ramas similares, así como aquelas empresas de servizos que xestionen servizos públicos.

Artigo 2.- A CIG-SERVIZOS é un sindicato integrado na CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG), aceptando os seus estatutos.

Artigo 3.- A CIG-SERVIZOS establece o seu enderezo onde corresponda o Secretario/a Nacional, sen prexuízo de que no futuro os órganos de dirección da Federación poidan decidir o seu cambio.

Artigo 4.- A CIG-SERVIZOS ten como ámbito territorial o da Nación Galega, constituíndose por tempo indefinido.

Artigo 5.- A CIG-SERVIZOS ten como obxectivo a defensa dos intereses profesionais, económicos, sociais e mesmo culturais dos traballadores e traballadoras do sector enmarcados nos intereses e aspiracións xerais da clase traballadora e na loita pola súa emancipación e o Socialismo. Mesmamente a CIG-SERVIZOS asume a defensa dos dereitos nacionais de Galiza e a súa autodeterminación como Nación, así como, das liberdades individuais e colectivas e os valores democráticos que tratará sempre de profundizar e ampliar. A CIG-SERVIZOS procurará a constante mellora da calidade de vida e o propio benestar dos traballadores e traballadoras, asume a reivindicación de igualdade real entre o home e a muller e a paz entre os pobos e nacións e a participación de tódolos cidadáns en tódolos bens que eles mesmos crean. A Federación de Servizos é soberana e independente e decide tódalas cuestións que lle afecten sen inxerencia algunha, salvo as establecidas nos Estatutos da Confederación. A CIG-SERVIZOS garante a liberdade de expresión e pensamento, se é o caso, sen máis restrición que o respeto a estes Estatutos e aos principios e estatutos da CIG, sendo a libre circulación de ideas un principio inviolable da Federación e dos seus afiliados e afiliadas, que non poderán ser discriminados por razón de orixe, credo, pensamento ou filiación política.

TÍTULO II. DA CONDICIÓN DE AFILIADA OU AFILIADO

CAPÍTULO I

Artigo 6.- A condición de afiliado ou afiliada á CIG-SERVIZOS leva implícita a afiliación á CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA.

Artigo 7.- A CIG–SERVIZOS ten personalidade xurídica propia e de plena capacidade de obrar, necesaria para o cumprimento dos seus fins.

Poderán afiliarse á CIG–SERVIZOS tódolos traballadores e traballadoras de Galiza, independentemente da súa situación laboral como activos, parados e paradas, xubilados e xubiladas ou pensionistas, que presten os seus servizos, prestáranos ou soliciten prestalos nas ramas pertencentes ás actividades nomeadas no artigo 1º destes Estatutos.

As traballadoras e traballadores autónomos, así como os socios e socias de cooperativas, sociedades e de sociedades anónimas laborais ou asimiladas que non teñan traballadoras ou traballadores asalariados ao seu cargo, poderán participar na CIG–SERVIZOS nos termos que determine a Consello Nacional da Federación. Igualmente aprobará a fórmula de adhesión especial con que poidan vincularse as traballadoras e traballadores galegos residentes no exterior.

Artigo 8.- A solicitude de afiliación farase nas dependencias da CIG–SERVIZOS, nas Seccións Sindicais de Empresa, ou no seu defecto nos locais da CIG.

Artigo 9.- A condición de afiliada ou afiliado produce efectos desde o día seguinte ao da formalización da ficha de afiliación, que se entenderá realizada no momento da asignación dun número de afiliación, aínda que o exercicio dos dereitos de acceso ós servizos técnicos e de participación en eleccións internas non se poderá reclamar ata que transcorran tres meses desde aquela data e se satisfagan as cotas correspondentes a ese período.

Artigo 10.- A afiliada ou afiliado poderá causar baixa na CIG–SERVIZOS polas seguintes causas:

a)      A petición propia.

b)      Por non aboar a cota nos tres primeiros meses desde a formalización da ficha de afiliación.

c)      Por non aboar a cota durante seis meses sen alegación dunha causa xustificada; neste caso poderá producirse o reingreso sen perda dos dereitos de antigüidade tras pagamento previo das cotas que se deban e sempre que non transcorresen máis de doce meses.

d)      Por deixar de reunir as condicións requiridas nos artigos 6 e 7 destes Estatutos.

e)      Por sanción. A reincorporación á CIG–SERVIZOS de quen causase baixa por sanción requirirá o informe favorable previo da Consello Nacional.

f)        Por suspensión definitiva dos dereitos como afiliada ou afiliado, en resolución validamente adoptada polo organismo correspondente.

CAPÍTULO II. DO RÉXIME DE DEREITOS E DEBERES

Artigo 11.- Son dereitos dos afiliados e afiliadas á CIG–SERVIZOS, os seguintes:

a)      Participar na CIG–SERVIZOS en igualdade de condicións que os demais membros.

b)      Garantía da súa liberdade de expresión interna e de respecto ás súas ideas.

c)      Elixir e ser elixido para calquera cargo ou para calquera ámbito de representación.

d)      Ser axudado en caso de represión por pertencer á CIG–SERVIZOS ou polo exercicio da actividade sindical.

e)      Utilizar os servizos técnicos e locais dos que dispoña a CIG–SERVIZOS.

f)        Estar permanentemente informado dos dereitos e obrigas.

Artigo 12.- Son deberes dos afiliados e afiliadas á CIG–SERVIZOS os seguintes:

a)      Aboar e ter ao día o pago das cotas legal e estatutariamente establecidas.

b)      Respectar os Estatutos, os regulamentos e programas da CIG–SERVIZOS e da Confederación.

c)      Respectar as decisións democraticamente adoptadas, recoñecéndose o dereito a manter a súa opinión.

d)      Participar, na medida das súas posibilidades, nas actividades da CIG–SERVIZOS.

e)      Asistir ás xuntas que se lle convoque.

f)        Calquera outro deber que se poida acordar.

CAPÍTULO III. DO RÉXIME DE GARANTÍAS E SANCIÓNS

Artigo 13.- O réxime de garantías e sancións para afiliadas e afiliados da CIG–SERVIZOS serán os mesmos que os que estean contemplados para o conxunto da afiliación nos Estatutos da CIG.

CAPÍTULO IV. DO RÉXIME DE INCOMPATIBILIDADES

Artigo 14.- a) A pertenza ao Secretariado Federal da CIG–SERVIZOS é incompatible con:

-         Secretaría Xeral, Presidencia ou cargos asimilados dunha organización política.

-         Parlamentario/a, Alcalde, Alcaldesa ou Concelleiro/a.

-         Cargo público de libre designación en calquera administración pública.

-         Pertenza ou participación nas xerarquías de calquera confesión relixiosa.

-         Realización de calquera tipo de asesoramento ao servizo de asociacións empresariais.

-         Vinculación empresarial con contrato de alta dirección.

-         Participación en candidaturas das organizacións políticas nas eleccións locais, galegas, estatais ou europeas.

b) O desempeño de cargos ou responsabilidades nos órganos executivos da CIG–SERVIZOS –Executiva Federal e Executiva Comarcal- é incompatible co desempeño de cargos individuais de idéntico ámbito e función dunha organización política, así como exercer de portavoz público das mesmas.

Así mesmo, é incompatible coa impartición de cursos retribuídos en FORGA. Esta incompatibilidade estenderase a tódalas persoas que realicen funcións de liberados ou liberadas da CIG–SERVIZOS, así como a todas aquelas persoas que, independentemente da función que desempeñen, perciban retribucións da CIG–SERVIZOS.

c) A condición de liberado/a asalariado da CIG–SERVIZOS é incompatible con ocupar cargos políticos institucionais de elección ou designación pública.

d) Ningún organismo ou cargo unipersoal da CIG–SERVIZOS, en canto a tal, poderá apoiar candidaturas ás diferentes eleccións que se realicen internamente na Federación.

Artigo 15.- O exercicio de responsabilidades de membros da Executiva Federal, é incompatible co exercicio de calquera outro cargo que implique a pertenza ao Secretariado Federal. Igualmente, a pertenza á Executiva Federal é incompatible co desempeño de responsabilidades na Executiva Comarcal da CIG, ou de Secretário/a de Unión Local da CIG.

TÍTULO III. DA ORGANIZACIÓN

Artigo 16.- Territorialmente a CIG–SERVIZOS organizase en estruturas comarcais, seguindo o criterio de asegurar a afinidade xeográfica e a operatividade sindical.

Artigo 17.- Consideraranse constituídas as seguintes comarcas:

- Vigo                                     - Ferrol

- A Coruña                              - Ourense

- Santiago                               - Pontevedra

- Lugo – A Mariña                                   

Artigo 18.- A sección sindical é a estrutura básica organizativa da Federación. Este composta polas afiliadas e afiliados nunha empresa ou centro de traballo. Crearase un rexistro de seccións sindicais constituídas. A súa regulación e funcionamento é a seguinte.

As Seccións Sindicais da CIG Servizos rexeranse polas seguintes normas:          

1º- A Sección Sindical é a estructura organizativa básica da CIG-SERVIZOS. Está composta polo conxunto de afiliados e afiliadas na empresa ou centro de traballo.

2º.- A Sección Sindical dotarase dun regulamento interno, onde deberán figurar os órgaos de governo, a composición destes, as suas normas de funcionamento, etc. , coa única limitación de non poder contradecir os estatutos da CIG-SERVIZOS, polo que terán que ser adverados pola Executiva Federal.

3º.- Os órganos de governo da sección Sindical serán polo menos a Asemblea de Sección Sindical e a Executiva de Sección Sindical.

4º.- A Asemblea é o máximo órgao da Sección Sindical. Será convocada coa periodicidade que marque o regulamento da Sección Sindical, pola Executiva da Sección ou por un tercio da afiliación. A Asemblea será presidida polo Secretário ou Secretária, e elixirá a un responsábel de actas. A Asemblea elixe á Executiva, ao Secretário ou Secretária, aos Delegados/as Sindicais e de Seguridade, aos/as representantes da Sección Sindical, aos/as candidatos/as ás eleicións sindicais, á negociación colectiva e á política sindical no seu ámbito.

5º.- A Executiva da Sección Sindical é o máximo organismo na empresa entre asembleas. Os seus membros serán escollidos pola asemblea. A Executiva debe dar resposta aos problemas urxentes que se dean na empresa, remitir información á afiliación, e decidir sobre as cuestións que lle delegue a asemblea.

6º.- O Secretário ou Secretária de Sección Sindical é o cargo unipersoal elixido pola Asemblea, que representa publicamente a esta, convoca e preside as xuntanzas, e coordina o traballo.

7º.- Naquelas empresas con vários centros de traballo, poderanse constituir Coordenadoras. As coordenadoras de seccións sindicais coordenarán a acción sindical e a negociación colectiva.

Artigo 19.- Dado que a CIG–SERVIZOS está composta por subsectores de importante representación e para unha mellor coordinación interna no referente á negociación colectiva, eleccións sindicais ou conflitos sindicais que afecten a máis dunha empresa ou comarca, previa solicitude dos mesmos e coa aprobación da Executiva Federal e Comarcal, poderanse constituír Grupos de Traballo que dependerán a tódolos efectos (planos de traballo, acción sindical, organización, presuposto, etc.) dos distintos organismos estatutarios nacionais e comarcais. A tal fin, tanto a Executiva Federal como as Executivas Comarcais, incluirán dentro das responsabilidades dunha das secretarías a coordinación dos devanditos grupos de traballo.

No mesmo senso, e cumprindo tódolos requisitos anteriores, poderán organizarse as Seccións Sindicais nas empresas con Comité provincial que afecten a provincias con máis dunha comarca.

TÍTULO IV. DOS ÓRGANOS DE GOBERNO

CAPÍTULO I. DOS ÓRGANOS FEDERAIS

Artigo 20.- No ámbito nacional, son órganos de representación, administración e goberno da CIG–SERVIZOS, os seguintes:

-         O Congreso

-         O Consello Federal

-         O Secretariado Federal

-         A Executiva Federal

Artigo 21.- O Congreso é o órgano soberano da Federación. A súa composición será fixada polo Consello Federal  con suficiente antelación, seguindo criterios de proporcionalidade en base ao número de afiliadas e afiliados.

A participación no Congreso será mediante afiliados e afiliadas elixidos nas distintas Comarcas e empresas seguindo criterios de proporcionalidade.

Os membros do Consello Federal serán membros natos do Congreso.

Artigo 22.- O Congreso convocarase con carácter ordinario polo Consello Federal, polo menos unha vez cada catro anos. A convocatoria farase con seis meses de antelación e notificarase por escrito ás Unións Comarcais. O funcionamento do Congreso axustarase ao regulamento que, elaborado pola Consello Federal, será aprobado polo propio Congreso.

Artigo 23.- O Congreso da CIG–SERVIZOS ten as seguintes competencias:

a)      Aprobar ou reformar os estatutos e o programa.

b)      Analizar a xestión dos órganos de goberno da Federación a nivel nacional.

c)      Coñecer e aprobar o estados de contas.

d)      Definir as orientacións básicas da política da Federación a nivel nacional.

e)      Elixir Secretaria ou Secretario Nacional e a Executiva Federal.

f)      Coñecer e decidir todas aquelas cuestións que os Estatutos e Regulamentos expresamente lle atribúan e aquelas outras que se sometan respectando os Estatutos.

g)      Ratificar a admisión de colectivos na CIG–SERVIZOS.

h)      A elección dos membros do Consello Confederal que correspondan á CIG–SERVIZOS.

Artigo 24.- Poderá convocarse un congreso con carácter extraordinario. A súa convocatoria deberá estar avalada por 2/3 dos membros do Consello Federal, 1/3 da afiliación total, ou ben por 2/3 da afiliación representada a través dos diferentes organismos. Entre a convocatoria, que deberá facerse por escrito, e a celebración, non poderán transcorrer menos de dous meses, nin máis de seis meses. O Congreso Extraordinario so poderá tratar os temas polos que foi convocado.

Artigo 25.- O Consello Federal é o órgano máximo entre congresos e estará constituído por:

a)      A Executiva Federal.

b)      Os representantes elixidos polas asembleas comarcais, a razón de un por cada 400 afiliados e afiliadas ou fracción superior a 150, incluído o Secretario ou Secretaria Comarcal. Tódalas comarcas constituídas deberán contar con representación.

c)      Transitoriamente, mentres non se celebren as Asembleas Comarcais da Federación, formarán parte do Consello Federal os/as actuais membros. De tódolos xeitos, a 31 de decembro de 2010 tódalas comarcas deberán ter adaptada a súa representación á proporcionalidade que se establece neste artigo, e tomando como referencia o mesmo período de cómputo utilizado para a celebración do V Congreso.

Artigo 26.- O Consello Federal reunirase ordinariamente cada tres meses a convocatoria da Executiva Federal, a cal igualmente tramitará as convocatorias extraordinarias oportunas por propia iniciativa ou por acordo de 2/3 da Executiva Federal ou 1/3 do Organismo. Os acordos tomaranse por maioría simple, agás naqueles casos nos que os Estatutos esixan maioría cualificada.

Artigo 27.- As competencias do Consello Federal son:

a)      Aprobar o seu regulamento de funcionamento, por maioría de 2/3 dos membros asistentes.

b)      Convocar o Congreso e aprobar o regulamento para o período congresual, tendo este último que contar co acordo de 2/3 dos membros asistentes.

c)      Elaborar informes, ponencias e propostas para ser debatidas no Congreso.

d)      Convocar, por acordo da maioría absoluta dos membros asistentes, Conferencia Sindical Nacional, ós membros dos distintos órganos de dirección das unións comarcais, establecéndose o seu obxecto no mesmo acordo de convocatoria.

e)      Nomear Comisións de Traballo para o que estime oportuno.

f)       Examina-la xestión da Executiva Federal.

g)      Adoptar resolucións de urxencia sen contradicir ao Congreso.

h)      Marcar as liñas de actuación sindical na Negociación Colectiva.

i)       Aprobar os presupostos económicos anuais.

j)       Nomear, ou ratificar, ás persoas que teñan que representar á CIG–SERVIZOS, en calquera organismo, sexa este interno ou externo da Confederación.

k)      Nomear, transitoriamente, o órgano xestor dunha estrutura territorial cando, por dimisión ou falta de elección, non exista órgano de dirección da mesma.

l)       Calquera outra competencia expresamente atribuída ao Consello Federal nos estatutos ou regulamentos.

m)     Coordinar as relacións sindicais e políticas, institucionais e internacionais da CIG–SERVIZOS.

n)      Ratificar, ou non, calquera proposta da Executiva Federal relativas a necesidades de persoal previamente ao seu tratamento no Secretariado Confederal da CIG.

Artigo 28.- O Secretariado Federal estará formado pola Executiva Federal e os Secretarios ou Secretarias Comarcais.

Reunirase, como mínimo, cada dous meses por convocatoria da Executiva Federal ou dun terzo dos seus membros.

Artigo 29.- As competencias do Secretariado Federal son:

-         Coordinar a actividade sindical.

-         Facer seguimento dos acordos do Consello Federal.

-         Compaxinar as distintas campañas que se programen a nivel nacional.

-         Facer o seguimento da negociación colectiva, a formación, a saúde laboral e do traballo participativo.

-         Supervisar o labor dos grupos de traballo.

-         Coordinar o traballo planificado nas eleccións sindicais.

-         Calquera outra función que así se acorde no Consello Federal.

Artigo 30.- A Executiva Federal está composta por 9 membros elixidos polo Congreso Nacional, debendo ter tódolos seus membros unha responsabilidade específica.

Dentro da Executiva deberán existir obrigatoriamente a Secretaría Nacional, a de Organización, a de Negociación Colectiva, a de Finanzas e a de Igualdade. O resto de Secretarías, ata acadar o total de nove, serán establecidas polo Consello Federal, a proposta da Executiva Federal.

A Executiva Federal elaborará un Regulamento de Funcionamento que recollerá as competencias de cada Secretaría. Este Regulamento deberá ser aprobado polo Consello Federal.

Artigo 31.- A Executiva Federal reunirase ordinariamente con carácter mensual por convocatoria do Secretario ou Secretaria Nacional, que convocará sesións extraordinarias por propia iniciativa ou a instancia dun terzo dos membros do organismo.

Artigo 32.- A Executiva Federal exercerá mancomunadamente a representación xurídica, económica e legal da CIG–SERVIZOS, podendo delegar no Secretario ou Secretaria Nacional estas facultades, aos únicos efectos de outorgamento de poderes. Ten, ademais, as seguintes competencias:

a)      Representación da CIG–SERVIZOS entre sesións da Consello Federal.

b)      Relacións exteriores e interiores, así como coa CIG.

c)      Elaborar publicacións e propaganda a nivel nacional.

d)      Decidir sobre cuestións urxentes que se presenten entre reunións do Consello Federal.

e)      Dirixir as xestións das finanzas.

f)        Dirixir e xestionar a política da CIG–SERVIZOS en materia de formación e emprego.

g)      Presentar un informe de xestión ao Congreso.

h)      Propoñer aos organismos as propostas que estime oportunas.

i)        Nomear aos membros das Comisións de Traballo que fosen creadas polo Consello Federal.

j)        Coordinar tódolos órganos da CIG–SERVIZOS para garantir o seu funcionamento orgánico.

k)      As que lle sexan delegadas polo Consello Federal ou atribuídas por estes Estatutos.

l)        En representación da Executiva Federal, as contas serán asinadas mancomunadamente polo Secretario ou Secretaria Nacional e o Secretario ou Secretaria de Finanzas.

Artigo 33.- O Secretario ou Secretaria Nacional é un cargo unipersoal elixido en Congreso, será o representante público da CIG–SERVIZOS, impulsa e coordina o traballo dos organismos nacionais e preside as sesións da Executiva Federal, do Secretariado Federal e do Consello Federal.

Artigo 34.- No caso de resultar vacante o cargo de Secretario ou Secretaria Nacional, o Consello Federal  deberá decidir por maioría de 2/3 a forma de substitución ata a realización do seguinte Congreso.

Artigo 35.- A Asemblea da Unión Comarcal é o máximo órgano da CIG–SERVIZOS na comarca que se reunirá unha vez cada catro anos e sempre que sexa convocada pola Executiva Comarcal ou a solicitude de 1/3 dos afiliados e afiliadas.

Artigo 36.- Son funcións e facultades da Asemblea Comarcal:

a)      A elección da Executiva Comarcal, do Secretario ou Secretaria Comarcal e dos representantes da Unión Comarcal no Consello Federal.

b)      Analizar e pronunciarse sobre a xestión da Executiva Comarcal.

c)      Debater e resolver as cuestións que afecten á Unión Comarcal que lle sexan plantexadas.

d)      Nomear ós seus representantes na Dirección Comarcal da CIG.

Artigo 37.- A proposta do organismo convócante da Asemblea Comarcal, poderase constituír unha Dirección Comarcal que terá a condición de órgano máximo da Comarca entre congresos e estará constituído por:

a)      A Executiva Comarcal.

b)      Un membro por cada Sección Sindical, sempre e cando igualen ou superen a fracción de un.

c)      A totalidade dos membros, non poderá superar o número de vintedous en total.

d)      O resto dos membros da Dirección Comarcal serán elixidos entre o resto da afiliación en base á afiliación existente sempre e cando teña as súas cotas ao día.

Artigo 38.- Son competencias da Dirección Comarcal as seguintes:

a)      Aprobar o seu regulamento de funcionamento, por maioría de 2/3 dos membros asistentes.

b)      Convocar Asemblea comarcal e aprobar o regulamento para o período congresual, tendo este último que contar co acordo de 2/3 dos membros asistentes.

c)      Elaborar informes, ponencias e propostas para ser debatidas na Asemblea.

d)      Convocar, por acordo da maioría absoluta dos membros asistentes, Conferencia Sindical Comarcal, que ten carácter de deliberante e estará composta polos membros da Dirección Comarcal máis un representante por cada 100 afiliados ou fracción superior a 50.

Artigo 39.- A Executiva Comarcal é o órgano de goberno ordinario da CIG–SERVIZOS na comarca, e estará composta por un número de entre cinco e trece membros.

Artigo 40.- Son funcións e facultades da Executiva Comarcal:

a)      Coordinar o traballo sindical na comarca.

b)      A convocatoria de asembleas de delegados e delegadas de Seccións Sindicais e de Comités de Empresa e Delegados e Delegadas de Persoal na comarca.

c)      A xestión das finanzas na comarca.

d)      A Negociación Colectiva.

e)      Todas aquelas da Dirección Comarcal, no caso de que esta non exista.

Artigo 41.- O Secretario ou Secretaria Comarcal é o cargo unipersoal de representación pública da Unión Comarcal elixido pola asemblea comarcal de entre os membros da Executiva Comarcal, e coordina a actividade da Executiva Comarcal, e da Dirección Comarcal, se é o caso.

Artigo 42.- En caso de vacante no cargo de Secretario ou Secretaria Comarcal, decidirá a Executiva Comarcal, ou a Dirección Comarcal, se é o caso, un novo nomeamento de entre os membros da Executiva Comarcal ata a realización da seguinte Asemblea Comarcal.

Artigo 43.- A Sección Sindical de Empresa estará composta polos afiliados e afiliadas da CIG–SERVIZOS no ámbito da empresa e constitúe a organización base do sindicato.

         As funcións da Sección Sindical serán as seguintes:

a)      Organizar aos traballadores e traballadoras da empresa baixo as siglas da CIG–SERVIZOS para a defensa das súas reivindicacións e dereitos.

b)      A Acción Sindical e a Negociación Colectiva na empresa.

c)      Notificar ao Secretario ou Secretaria Comarcal os delegados ou delegadas da Sección Sindical para representar ao sindicato diante da empresa, así como, do inicio e evolución da negociación colectiva na mesma.

d)      Elaborar as candidaturas para as eleccións sindicais que serán comunicadas á Executiva Comarcal.

e)      Levar a política sindical da CIG–SERVIZOS e da CIG á empresa.

f)      Dotarse dos órganos de dirección que estime convenientes.

g)      Elixir ao Secretario ou Secretaria da Sección Sindical.

CAPÍTULO II. DAS NORMAS XERAIS DE FUNCIONAMENTO

Artigo 44.- As reunións de calquera organismo dos regulados nestes estatutos consideraranse validamente constituídas cando asistan a metade máis un dos seus membros en primeira convocatoria ou un terzo en segunda, unha hora máis tarde, sempre que fose convocada no tempo e na forma regulada nas normas de funcionamento que lle sexan de aplicación, cun mínimo de 48 horas.

Artigo 45.- Os acordos dos órganos da CIG-SERVIZOS adoptaranse sempre por maioría simple dos membros asistentes, con excepción daqueles asuntos para os que os estatutos ou os seus regulamentos prevexan unha maioría cualificada específica.

Artigo 46.- De cada reunión dos organismos da CIG-SERVIZOS redactarase acta na que constarán os asistentes e os acordos adoptados, con expresión, se é o caso, das votacións realizadas e das posicións particulares sempre que así o solicite o interesado ou interesada e as achegue por escrito no mesmo acto da reunión.

As actas dos organismos nacionais seranlles remitidas aos órganos de dirección das  comarcas así como ás/aos membros do Consello Federal.

As actas dos organismos das estruturas comarcais, así como as das comisións criadas no ámbito nacional, se é o caso, seranlle remitidas á Executiva Federal. Para estes efectos, terán a mesma consideración os documentos oficiais que as estruturas nacionais e comarcais vaian debater nos seus respectivos congresos e/ou asembleas e os que resulten finalmente aprobados nestes.

Artigo 47.- A pertenza a un órgano de dirección da CIG-SERVIZOS implica o cumprimento da obriga de asistencia así como o particular respecto do réxime de incompatibilidades regulado nestes estatutos. A non observancia de tales obrigas leva aparellada a baixa no organismo correspondente, logo de comunicación previa á persoa afectada, aínda que a obriga de asistencia se considera incumprida cando se reitere por tres veces consecutivas sen xustificación.

CAPÍTULO III. DO RÉXIME ELECTORAL

Artigo 48.- Todos os cargos unipersoais da CIG-SERVIZOS serán electos en votación directa e individual, nos seus respectivos congresos e/ou asembleas.

Artigo 49.- Como norma xeral, os procesos electivos para os órganos de goberno da CIG-SERVIZOS regularanse polo disposto nestes estatutos. Poderanse estabelecer procedementos electorais específicos cando así o prevexan os regulamentos que desenvolven estes estatutos  sempre que non contradigan os mínimos que aquí se establecen.

Artigo 50.- Todos os cargos da CIG-SERVIZOS se proverán mediante votación secreta e persoal. En casos determinados poderase admitira  votación  aman alzada cando así o considere unha maioría de dous terzos dos membros asistentes do órgano elector, aínda que ese acordo será ineficaz cando calquera dos membros reclame o exercicio do dereito á votación secreta.

Artigo 51.- A elección de órganos e cargos farase mediante a presentación de candidaturas en listas pechadas, que deberán conter cando menos o número de persoas de que se compoña o organismo. É responsabilidade do máximo órgano ou cargo executivo existente no ámbito en que se produce a elección a presentación dunha candidatura, cumpríndose para estes exclusivos efectos as seguintes regras:

Nos congresos terá esa consideración a Mesa presidencial.

No Consello Federal, a Executiva Federal.

No Secretariado Federal, a Executiva Federal.

Na Executiva Federal, o Secretario/a Nacional.

Artigo 52.- Poderán presentarse outras candidaturas, co mesmo requisito de composición, cando vaian avaladas cando menos por un número de membros do órgano elector igual ao 150% do número de postos que cubrir.

Artigo 53.- A composición do órgano elixido resultará da proclamación dos membros da lista única ou, se é o caso, da adscrición dos membros de cada lista presentada en proporción directa aos votos acadados. Para estes efectos, redondearanse por defecto as fraccións até 0,49 e por exceso as superiores e, en caso de empate, será proclamado o candidato ou candidata da lista que máis votos totais obtivese.

Artigo 54.- Será en todo caso de aplicación directa o procedemento electoral regulado nos artigos anteriores nas eleccións que correspondan realizar polo Congreso e polo Consello Federal, e de aplicación supletoria para os demais casos.

Non obstante, será igualmente obrigado en todos os casos cando se presente polos seus promotores cando menos unha candidatura en lista pechada.

Artigo 55.- Cando por aplicación do previsto no artigo 49 se prevexa un procedemento electoral específico que implique a posibilidade de presentación de candidaturas abertas, a lista deberá conter cando menos un número de membros igual ao de postos que cubrir e a votación efectuarase na papeleta por un número máximo de candidatos ou candidatas igual ao 75% dos postos que cubrir, resultando proclamados aqueles ou aquelas que obtivesen o maior número de votos; en caso de empate, será proclamado o candidato ou candidata con maior antigüidade na afiliación.

Artigo 56.- No caso das listas pechadas, as vacantes que se poidan producir serán cubertas polo candidato ou candidata seguinte da mesma lista. No caso de listas abertas, polo seguinte en número de votos.

TITULO V. DO RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 57.- Os recursos económicos da CIG–SERVIZOS estarán integrados por:

a)      As cotas dos afiliados e afiliadas.

b)      As doazóns e legados a favor da mesma.

c)      As subvencións que lle poidan ser concedidas.

d)      Os ingresos por venda de publicacións.

e)      Calquera outro obtido de acordo coa Lei e estes Estatutos.

TITULO VI. SÍMBOLOS E IDIOMA

Artigo 58.- A CIG–SERVIZOS asume como propios os símbolos da CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA.

Artigo 59.- O anagrama é o que corresponde ao deseño que se axunta a estes estatutos.

Artigo 60.- A CIG–SERVIZOS ten como única lingua a galega, defendéndoa como única lingua oficial de Galiza e asumindo o compromiso de contribuír á súa normalización.

TITULO VII. DA DISOLUCIÓN

Artigo 61.- A CIG–SERVIZOS disolverase cando así o acorde o Congreso en votación secreta e por maioría de 2/3 dos seus membros.

Artigo 62.- No acordo de disolución establecerase o destino dos bens que puideran resultar despois de atendidas as obrigas pendentes.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Adicional 1ª.- Para os asuntos non regulados nos presentes estatutos rexeran os estatutos da CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG). A interpretación das presentes normas serán competencia da Consello Federal da CIG–SERVIZOS. No caso de conflito poderá recorrerse ante a Comisión de Garantías da CIG.

Adicional 2ª.- O Consello Federal dispón dun prazo máximo de dous meses para constituírse con tódolos seus membros, contado dende a data de celebración do Congreso.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

Transitoria 1ª.- Tódalas Asembleas Comarcais electivas deberán realizarse non máis tarde do 31 de decembro de 2010, con independéncia de teren realizado o seu proceso comarcal hai catro anos ou menos tempo.