Pimkie pecha a súa tenda na Coruña e deixa na rúa seis traballadoras

Contra o peche da tenda de Pimkie na Coruña 02
05/10/11.A multinacional francesa do comercio téxtil Pimkie vai pechar a súa tenda na Coruña, decisión que deixará na rúa seis traballadoras a partir do 9 de outubro. CIG-Servizos considera estes despedimentos fraudulentos e contrarios a dereito. A firma quere desfacerse destas empregadas da maneira máis barata posíbel, alegando causas obxectivas por motivos económicos, con tan só 20 días de indemnización por ano traballado. O sindicato mobilizouse diante da tenda o 5 de outubro e xa prepara medidas legais para impugnar os despedimentos.

A tenda da Coruña sempre lle resultou molesta a Pimkie polo carácter reivindicativo do cadro de persoal. Foron constantes as denuncias na Inspección de Traballo, que levantou actas de infracción, entre outros aspectos, por incumprimentos no descanso mínimo legal ou na normativa en materia de prevención de riscos laborais. A firma, ademais, comete erros constantes nas cotizacións á Seguridade Social.

A multinacional francesa acóllese á modalidade de despedimento obxectivo por causas económicas, o que para a CIG-Servizos non deixa de ser unha fraude de lei para evitar recoñecer o carácter improcedente destas rescisións de contrato. A compañía segue a abrir novos estabelecementos polo mundo adiante e a reformar tendas no Estado español, onde, por certo, continúa a ofrecer postos de traballo.

A Federación de Servizos da CIG organizou o 5 de outubro unha concentración ás portas do Pimkie coruñés, sito na praza de Lugo, que se estendeu por volta dunha hora e na que participou media centena de delegados e delegadas. A protesta foi vixiada por un discreto dispositivo policial.

GALERÍA FOTOGRÁFICA DA CONCENTRACIÓN

Acordo entre as traballadoras da Coruña e a empresa para implementar uns horarios respetuosos co que di a lei

08/11/10.

Despois de múltiples propostas presentadas pola cadro de persoal da Coruña á empresa e rexeitadas con argumentos pouco fundamentados ("Están ben... pero, non") chegouse a un entendemento para levar a efeito unhas rotacións que permiten o obrigado descanso de todas as compañeiras deste centro de traballo. Así ponse punto e final a unha problemática que comezou hai mais dun ano a raiz dunha denuncia na Inspección de Traballo que confirmou que os descansos eran insuficientes e que se estaba a solapar o descanso entre xornadas de 12 horas co descanso semanal de día e medio ininterrompido.

Apoio incondicional a@s traballador@s do téxtil de Pontevedra na súa loita por renovar o convenio

03/5/10.

Dende este blog, as afiliadas da CIG en Pimkie A Coruña e Compostela queremos solidarizarnos cos compañeiros e compañeiras do sector en Pontevedra no seu propósito de actualizar o caduco convenio polo que se rexen, o cal expirou a finais de 2008. Animámol@s a sair á rúa porque é aí onde se acada a forza precisa para negociar coa patronal. Como exemplo, sinalar a loita levada a cabo pol@s traballador@s do comercio vario na Coruña coa cal se obtiveron melloras tanto a nivel salarial como social (redución da xornada anual, pagamento dun complemento por traballar domingos e festivos e total voluntariedade de acudir, regulación da xornada para os contratos a tempo parcial, etc.). Por suposto, esperamos acadar máis cando remate a vixencia do actual convenio (30 de xuño de 2011) e se negocie o novo. Así que... ánimo e a continuar na loita.

A Xunta recúa e non se abrirán máis domingos e festivos dos 8 permitidos

22/4/10.

Hoxe tivo lugar o Consello da Xunta no que se pretendía aprobar o decreto que ampliaba 4 días máis as aperturas en Compostela, e 2 no resto de concellos galegos co pretexto do Xacobeo.Feijoo e os seus discípulos deron marcha atrás nas súas aspiracións e mantéñense as datas autorizadas por lei para o que resta de ano. Son as seguintes:

  •   4 de xullo
  •   5 de decembro
  •   12 de decembro
  •   19 de decembro
  •   26 de decembro

Lembrar que o noso convenio no artigo 11 bis recolle que o traballo en domingos e festivos será voluntario por parte d@s traballador@s, así que, por moito que queiran abrir, nós non estamos obrigad@s a ir a traballar.

A voltas co cómputo do 2009...

25/3/10.

Son ben coñecidos por tod@s os atrancos que pon a empresa cada vez que se solicita un día de libre disposición. A todo isto debemos sumarlle agora as trabas que están a presentar en algunhas tendas para que estes días sexan computados como xornadas efectivas de traballo incluidas na xornada máxima anual recoñecida no convenio de comercio vario. 

Os problemas xurden cando a empresa leva a cabo o reconto das horas realizadas o ano pasado nas tendas de Compostela e Ferrol e aos días de asuntos propios danlle un valor "0" no cuadrante das traballadoras, isto é, considéranos licencias recuperables  e diferentes do resto dos permisos retribuídos que recolle o noso convenio.

Consideramos este feito inxusto e discriminatorio xa que no convenio non se fan distincións entre as licencias ás que teñen dereito @s traballador@s. Polo tanto, é un permiso que faculta ao traballador a non prestar servizo durante dous días, computándose como traballada  a xornada laboral que tiña fixada no calendario anual. Para rematar, informámosvos que foron postas a disposicións da empresa varias sentenzas favorables aos nosos posicionamentos e estamos á espera dunha resposta nos próximos días.

Concentración en apoio á traballadora despedida a semana pasada

Lugar da concentración
09/12/09.

O vindeiro venres 11 de decembro ás 11 da mañá levarase a cabo unha concentración diante da tenda que Pimkie ten en Compostela para apoiar á compañeira que foi despedida por "baixo rendemento" hai sete días. Tamén queremos aproveitar para denunciar as presións ás que están sometidas constantemente as traballadoras deste centro de traballo por parte da encargada por defender a aplicación do convenio colectivo.

Así que esperámosvos a tod@s diante da tenda... na rúa República do Salvador nº17.

 

Despiden a outra compañeira en Compostela

foto_despido_Noa.JPG
03/12/09.

Como xa pasara hai un ano co despido (improcedente) da compañeira  Noa Mallo nesa mesma tenda, a empresa rescinde agora o contrato doutra  traballadora que quería facer valer os seus dereitos.  Aducen baixo rendemento e faltas de respeto á responsable. Non hai moito tempo presentouse un escrito denunciando as tentativas por parte desta persoa de facer cambios nos horarios da compañeira despedida e tamén o trato ameazante e despectivo que tivo hacia ela cando víu que non o podía levar a cabo.

 

Unha reunión coa empresa... pero na Inspección de Traballo

Acta_inspeccion_1.jpg
03/12/09.

A pesares da nosa insistencia na necesidade de levar a cabo unha xuntanza coa empresa para tratar temas de vital importancia para as plantillas de Santiago e A Coruña( calendario anual de 2010 ou o exceso de xornada deste ano que remata) ésta so foi quen de presentarse a requerimento da Inspección de Traballo.

Pedíuselles explicacións polos erros que seguen a aparecer nas vidas laborais dalgunhas compañeiras e que a día de hoxe están sen resolver, como por exemplo cotizar a media xornada cando realmente se están a facer 30 horas á semana. Por este motivo é importante que todas as persoas que traballaron na tenda, ou que están a traballar e aceptaron ampliacións, revisen as súas vidas laborais e en caso de detectar algunha anomalia, se poñan en contacto coas delegadas para ésta sexa subsanada de contado.

Por outra banda, a Inspección puxo unha data límite para a realización do curso de prevención de riscos laborais, finais de novembro. Xa se levaron a cabo nas duas tendas, ainda que unha compañeira da Coruña non pudo asistir porque a empresa optou por non contratar a ninguén para cubrir o seu turno, e tampouco estaban dispostos a facelo dous días (disque lles saía moi caro).

O punto que levantou máis polémica foi a reiterada negación por parte da responsable de zona dos días de asuntos propios e de horas a recuperar. Como reflexa o convenio, temos dous días que podemos solicitar cando precisemos deles. A empresa vai acotando datas nas que supostamente non se poden pedir como, por exemplo, o mes de decembro. Chegados a este punto, a Inspección lles recorda que é un dereito que temos @s traballador@s, así queda recollido na acta.

E xa para rematar, tamén se lle recorda á empresa a imposibilidade de facer cambios nos horarios sen contar co consentimento da persoa afectada. Este feito foi tentado en varias ocasións por parte da responsable da tenda de Santiago ata que nos vimos na obriga de presentar unha denuncia na Inspección para que desistira.

A empresa ignora a solicitude de reunión presentada polas representantes das traballadoras

escrito_solicitude_reunion_2.jpg
22/10/09.

O pasado mes de setembro puxémonos en contacto co departamento de RRHH para que acordaran a data dunha nova reunión. Na mesma pretendíamos tratar varios temas que seguen sen solucionar desde a derradeira xuntanza, como poden ser as ampliacións de xornada sen cotizar, a realización do curso de prevención de riscos laborais, os excesos de horas no calendario anual de 2009 e a súa compensación (economicamente ou en descanso), etc.

Outro dos fins que tiña a reunión era facer chegar á empresa todas as propostas novas que as compañeiras foron aportando durante estes meses.

A día de hoxe non recibimos resposta por parte da empresa, que xa nos ten acostumadas a este tipo de conductas pasivas. Seguiremos insistindo en que se leve a cabo a reunión porque consideramos prioritario solucionar todas as cuestións que veñen de atrás e tamén para que todas as ideas que nos chegaron sexan escoitadas.

As afiliadas da CIG en Pimkie inauguramos blog

32487-pimkie_no.jpg
20/10/09.

As delegadas de persoal da CIG en Pimkie dámosvos a benvida a este blog, no que informaremos as afiliadas e ao conxunto das empregadas daquelas cuestións de interese que nos afectan no día a día no traballo. Aportaremos documentos, información acerca dos convenios colectivos e toda clase de consellos e recomendacións.

Esperamos que o blog sexa do voso agrado.

Distribuir contido