Traballadores/as de seguridade privada continúan as protestas impedindo a saída dos furgóns blindados de Prosegur

protesta01.jpg
18/10/09.

Reclaman á patronal do sector que mova as súas posturas para negociar un convenio digno que recolla melloras salariais e sociais

Repetindo a imaxe do pasado febreiro, traballadores e traballadoras da seguridade privada procedentes de todo o País, retomaron as protestas para esixir un convenio digno para o sector impedindo a saída dos furgóns blindados da sede de Prosegur en A Coruña e atrasando así os servizos que a empresa presta aos seus clientes, principalmente entidades bancarias, até ás nove da mañá.

Dende as seis da mañá, uns cen traballadores e delegados/as de CIG e CCOO, organizacións que convocaron a mobilización, posicionáronse diante das portas da nave de Prosegur no Polígono de A Grela, cortando a saída dos furgóns blindados da empresa cunha barricada de lume que lograron manter acesa até as nove da mañá, momento no que unha dotación de bombeiros procedeu a apagar o que quedaba das chamas e limpar os restos para permitir a saída dos camións.

Con esta nova protesta, que dá continuidade ás mobilizacións que dende hai un ano veñen desenvolvendo os traballadores/as do sector, preténdese presionar á patronal na procura de acadar un convenio digno, que recolla verdadeiras melloras sociais e salariais e que equipare as desiguais condicións que existen entre os vixiantes.

Así mesmo, quérese reclamar a negociación dun convenio colectivo de ámbito galego, logo do fracaso das negociación levadas a cabo en Madrid dentro do marco do Convenio Estatal. Negociacións que racharon hai meses e nas que a CIG presentou a súa última plataforma o pasado mes de setembro. Pola súa banda, UGT e USO descolgáronse hai tempo da unidade sindical e mesmo chegaron a estar preto dun preacordo (cunha plataforma que se asemellaba nun 95% á presentada polo empresariado), que finalmente non se chegou a asinar.