A TODOS OS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DA SEGURIDADE PRIVADA

26/4/10.

Despois do esperpento da convocatoria de folga pantasma da UGT, do pasado mes de marzo, CCOO e USO solicitaron a convocatoria a través do SIMA da mesa negociadora, que se celebrou o pasado 12 e outra reunión o 19 de abril. Nesta xuntanza realizaron unha proposta económica baseada na conxelación salarial para o 2009, e o IPC real mais 1,4% para o 2010 e 2011, en todos os conceptos salariais.

Por parte da CIG, non podemos asumir novamente esta proposta ao entendela como un retroceso nas nosas pretensións económicas, xa que dista moi lonxe dos mínimos que nos temos marcado para esta negociación.

A CIG fixo constar en acta o que entendemos como parámetros de mínimos para chegar a un acordo:

  1. Non aceptamos a conxelación salarial do 2009.
  2. Mantemos os 12 puntos expresados na acta 3, xa que coinciden coas propostas incluidas na plataforma presentada pola CIG, e sendo estes aspectos que consideramos imprescindibles para unha negociación seria deste convenio, con independencia da súa redacción final.
  3. Igualmente, para a CIG é obxectivo irrenunciable buscar solucións a discriminación salarial xerada no anterior convenio colectivo a respecto das diferentes cuantias existentes no cobro do Plus de Perigosidade.

Por parte da Patronal, aproveitándose dos continuos erros dos sindicatos españolistas e asumindo unha posición de forza, propuxeron ampliar a conxelación salarial hasta o 2010, e a vixencia do convenio hasta o 2013, con incrementos que apenas superan o IPC real na totalidade da mesma en todos os conceptos salariais. Despois destas dúas reunións quedou patente que non existe vontade de negociar por parte da Patronal, o que pretende é imposición e non negociación.

Deste xeito a negociación en ámbito estatal está nun caleixón sen saída, tendo por futuro inmediato probablemente varios anos sen convenio. Non entendemos a posición dos sindicatos estatais, uns piden que a patronal concrete a súa proposta e outro di que estudarán as propostas para logo fixar a súa posición, e nos preguntámonos: qué hai que concretar?, qué hai que estudar ou valorar?. Diante desta situación desde a CIG témolo mais claro que nunca. O Convenio Galego é o único camiño realista e viable a día de hoxe, para topar unha saída ao sector. Novamente voltamos a facer un chamamento a todas as centrais sindicais para asumir esta vía, e emprender as mobilización necesarias para acadalo.

                                                               CONVENIO GALEGO DA SEGURIDADE, XA!