CIG-Servizos ocupa a sede de Caixanova en Vigo para rexeitar os despedimentos nas auxiliares das caixas

20100118_limpeza_caixanova_vigo
31/10/10.

A central demanda apertura dunha negociación para abordar o futuro duns 300 empregados/as de limpeza e seguridade

A CIG-Servizos realizou unha protesta sorpresa no interior da sede central de Caixanova en Vigo para rexeitar os despedimentos previstos nos empregos auxiliares (limpeza, seguridade...) das caixas galegas como consecuencia do proceso de fusión. Máis de medio cento de delegados/as da central e traballadores/as tomaron as dependencias da entidade crediticia e foron recibidos polo seu responsábel de recursos humanos.

A federación de Servizos da CIG realizou hoxe pola mañá un acto de protesta no interior da sede principal de Caixanova en Vigo. Con esta acción reivindicativa a central nacionalista pretende reclamar a apertura dunha mesa de negociación coa dirección da entidade crediticia para abordar o futuro dos empregos auxiliares (limpeza, seguridade...) ante o proceso de fusión das caixas. Máis de medio cento de delegados/as e traballadores/as permaneceron no interior da sucursal arredor de media hora e foron recibidos polo responsábel de recursos humanos, quen se comprometeu a trasladar a petición de xuntanza aos seus superiores.

Os concentrados portaban unha faixa co lema "Non aos despedimentos na limpeza e seguridade nas caixas" e berraron consignas contra os despedimentos e a favor dun proceso negociador. Nesta protesta, na que non se rexistrou ningún tipo de incidente, participaron, entre outros, o secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, o secretario nacional de negociación colectiva da CIG-Servizos, Pedro Pérez. Rubido salientou que arredor de 300 empregos están en xogo a causa do proceso de fusión.

AdxuntoTamaño
Ocupacion Caixanova 28-10-1028.78 KB