Delegados/as sindicais e traballadores/as da seguridade privada esixen nas rúas de Vigo un convenio galego

manifestacion_vigo.jpg
21/1/11.

Durante a manifestación, que percorreu o centro da cidade, criticouse o papel das centrais españolas UGT e USO

Máis dun cento de delegados/as sindicais e traballadores/as do sector da seguridade privada percorreron esta mañá as rúas de Vigo para reclamar un convenio colectivo galego. Durante a marcha criticouse a sinatura do convenio estatal por parte dos sindicatos españois UGT e USO, ao tempo que se denunciou que o novo documento supón “unha grave perda acumulada de poder adquisitivo”.

A manifestación arrancou pasadas as 10.30 da Praza de España e rematou un par de horas despois diante da sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, na rúa García Barbón. Durante o percorrido berráronse consignas a favor dun convenio galego e contra os sindicatos que asinaron o documento estatal. Dende a federación de Servizos da CIG fixeron público un comunicado explicando os motivos que levaron á central nacionalista a convocar a protesta:

“Logo de dous anos, UGT e USO asinaron un convenio que lesiona gravemente os dereitos dos traballadores e traballadoras. Foron dous anos de teatro, nunha pretendida mesa de negociación, na que á CIG nada puido negociar a pesar de ser o único sindicato que presentou unha plataforma de convenio sobre a que facelo e os sindicatos estatais non se preocuparon mais que de non incomodar a unha patronal que, agochándose nunha crise inexistente no sector, conseguiu abocar a miles de traballadores a unha grave perda acumulada de poder adquisitivo.

Isto que para algúns parece carecer de importancia, a CIG parécelle transcendental e así o puxemos de manifesto na mesa de negociación, para que se tivera en conta que con este convenio perdemos o IPC real dos anos 2008 (1,4%) e 2009 (0,8%). Igualmente, no 2010, o Goberno español subiu o IRPF en 400 euros, o que representa exactamente un 2,57% sobre o salario dun vixiante de seguridade en cómputo anual. Asemade, a suba do 2% no IVE en todos os produtos de consumo a partires de xullo do 2010 fai que o total acumulado de perda salarial real e directa sexa desde o 2009 dun 6,77%. É dicir, desde o ano 2009, temos de perda de poder adquisitivo 87 euros mensuais e 1051,5 euros anuais, que non recuperaremos con este convenio. Para isto non era necesario agardar dous anos e aínda por riba asinaron un convenio inferior a propostas realizadas pola patronal con anterioridade. E namentres as empresas seguiron actualizando os prezos aos clientes e continúan a manter as súas marxes de beneficio.

Isto foi o que negociaron na parte económica: Conxelación nos anos 2009-2010, incremento do 1% no 2011 e no ano 2012, o IPC real do ano 2011 máis a diferenza entre o IPC real do ano 2010 e 1%.

A negociación deste convenio estatal de seguridade privada foi inexistente en todo momento. No seu lugar existiu imposición da patronal, e incapacidade sindical absoluta por parte das centrais estatais, unidades sindicais ficticias (primeiro con uns despois con outros), folgas fantasmas, presións ridículas e totalmente ineficaces. Os sindicatos estatais demostraron sobradamente que non tiveron capacidade para forzar unha negociación seria, garantindo polo menos o mantemento do poder adquisitivo. Non falemos xa da súa capacidade para negociar ese “convenio digno” do que tanto levan a falar, nin a tiveron nin a terán nun futuro próximo, xa que son reféns das súas obras e feitos.

A CIG, a nivel estatal, é certo, tampouco ten capacidade para darlle saída ó problema do sector. Pero, ó contrario que os outros sindicatos, a CIG si ten unha alternativa e a leva propoñendo dende fai tempo, para rematar con este esperpento estatal en que estes converteron o noso convenio. Esta alternativa pasa por conseguir un convenio en outro ámbito. A nosa alternativa: CONVENIO GALEGO DE SEGURIDADE PRIVADA”.

A central lamenta os incidentes

Perante os incidentes illados que se rexistraron nun tramo da mobilización convocada pola CIG na mañá de hoxe, contra do convenio estatal recentemente asinado e que regula o sector da seguridade privada, e que provocaron algún desperfectos na sede comarcal de UGT, a Unión Comarcal da CIG de Vigo quere manifestar publicamente o seguinte:

-Lamentar eses inxustificábeis incidentes executados por unha absoluta minoría de entre as decenas de persoas que participaron da mobilización.

-Deixar ben claro que este tipo de actos non forman parte da práctica sindical da CIG, nin responden –loxicamente- a unha actuación do noso sindicato. Malia as discrepancias de carácter sindical que poidan existir entre as diferentes organizacións e centrais, na CIG temos claro que con quen hai que confrontar socialmente é coa patronal e cos seus gobernos cómplices.

-Destacar así mesmo, que ao marxe deses incidentes puntuais a mobilización convocada pola nosa central sindical decorreu de xeito pacífico, polo que estes inadmisíbeis incidentes non poden provocar a criminalización do colectivo de traballadoras e traballadores.