CIG-Servizos estrea páxina web

Manifestación comercio vario na Coruña (29-04-2009)
A Federación de Servizos da Confederación Intersindical Galega xa conta coa súa propia páxina web. Os internautas poderán acceder, por medio deste portal, á información da acción sindical da CIG-Servizos. Esta web foi concibida como unha ferramenta útil para a afiliación, na que os protagonistas son os traballadores e traballadoras. A presente páxina aportará información sobre as novidades que se vaian producindo na negociación colectiva en cada un dos sectores e empresas adscritos á nosa Federación.
05/7/09.

A consulta dos convenios, a lexislación do mundo do traballo e as respostas a dúbidas laborais frecuentes adquiren un papel destacado no portal, ao tratárense dos temas de maior utilidade para a afiliación.

A CIG-Servizos pretende fomentar a participación das seccións sindicais no funcionamento desta páxina. Entendemos que a información de maior interese para os e as traballadoras é aquela que concerne a súa empresa ou sector. As novas publicadas nos diferentes blogues das seccións sindicais e sectores poderán ser consultadas a través da propia web da Federación.

A páxina da CIG-Servizos ofrecerá un seguimento exhaustivo das noticias, conflitos, mobilizacións e convocatorias que protagonice a Federación en todo o país. Para iso aproveitará as potencialidades e recursos que ofrecen as tecnoloxías multimedia (fotografías, vídeos, documentos de texto ou arquivos sonoros).

Agardamos que esta web sirva, alén dun instrumento para a información da afiliación, para espallar a práctica sindical combativa, nacional e de clase da nosa central.