As eleccións repetiranse en DIA e FETICO pide a anulación das candidaturas disidentes

20080718_isidro_de_la_cal_02.jpg
As eleccións hanse repetir en Supermercados DIA da provincia da Coruña logo de que a CIG impugnase o proceso polas irregularidades detectadas no voto por correo. FETICO tamén impugnou mais por motivos ben diferentes. O sindicato empresarial pide a anulación das candidaturas disidentes.
09/7/09.

As votacións ao comité de empresa provincial hanse repetir como consecuencia do ditame dun laudo arbitral. Nas eleccións celebradas o pasado 23 de xuño constatouse que FETICO non conta co apoio da maioría das traballadoras. Agora o sindicato empresarial solicita que se anulen as listas da CIG, UGT e CC.OO ao entender que non chegaron nalgún momento do proceso electoral ao 100% de candidatas necesarias para presentar lista. Mais o que esquece FETICO é a campaña desatada conta as empregadas que integraban a lista da CIG, que foron ameazadas con despedimentos ou traslados de centro. O acoso ocasionou a renuncia de varias candidatas.

As ansias de FETICO por ser o único sindicato na empresa son desaforadas. Non lles chegou con xestionar o voto por correo de 56 traballadoras para evitar que puidesen elixir libremente e decidir votar algo distinto ao que había até o momento. Agora simplemente pretenden varrer a disidencia. Finalmente a CIG logrou presentar por primeira vez candidatura en DIA da provincia da Coruña. Nas eleccións, agora impugnadas, a central nacionalista conseguiu dúas delegadas.  

Resultados das eleccións ao comité de empresa de DIA na provincia da Coruña, realizadas o 23 de xuño e que se terán que repetir: 

  • FETICO: 77+56 votos por correo= 133 (6 membros no comité).

  • CCOO: 56+0 votos por correo= 56 (3 membros no comité).

  • CIG: 49 votos +0 votos por correo= 49 (2 membros no comité).

  • UGT: 32 votos+0 votos por correo= 32 (2 membros no comité). 

3 votos en branco e 1 nulo. O censo total era de 378 traballadoras. Votaron 274 (72´49%). Cada sindicato ten dereito a designar un delegado sindical máis.