A patronal empantana a negociación do Comercio de Alimentación pontevedrés

Os empresarios teiman en ofrecer unha proposta regresiva fundamentada nun incremento salarial do 1% para o ano 2009, un convenio con catro anos de vixencia, conxelar a antigüidade, eliminar as baixas ao 100%, así como suprimir a compensación e absorción.
11/9/09.

Coa intención de estudar que tipo de respostas se poden dar para plantar cara a este desafío patronal, o persoal do sector foi convocado polos sindicatos CIG, UGT, CCOO, FETICO e USO a unha asemblea que se ha celebrar en Vigo o 17 de setembro no salón dos Salesianos (rúa Venezuela), a partir das 22:00 horas. 

A parte social reclama unha suba de 60 euros lineais, así como a inclusión de cláusulas que regulen a contratación, a formación e que introduzan melloras nas licenzas. No tocante á vixencia, os sindicatos defenden que sexa de dous anos.

Non chegan a mileuristas

Coas súas propostas, os sindicatos pretenden que os traballadores e traballadoras consigan ser mileuristas, posto que o salario medio no sector é de 840 euros. Ademais, a patronal non tivo perdas e, por tanto, resulta cínico que esta se escude na crise para recortar dereitos dos empregados e empregadas.

Os representantes do persoal recordan que este sector non se mobiliza na provincia de Pontevedra desde 1997, ano en que houbo unha folga de tres días que supuxera avances importantes. Por tanto, a asemblea do día 17 cobra unha importancia moi especial para pulsar os ánimos dos e das traballadoras e valorar a posibilidade de iniciar medidas de presión, entre as que se incluiría a folga. Os sindicatos non ignoran a circunstancia de que na Coruña tamén se está a negociar o convenio do Comercio de Alimentación, polo que se abre a posibilidade de realizar accións conxuntas.

Este convenio afecta máis de 15.000 persoas na provincia de Pontevedra que están empregadas en preto dun milleiro de centros de traballo.

Preme para consultar as actas da comisión negociadora do convenio