CIG-Servizos demanda que se estabilice a situación do persoal da limpeza do Concello de Ourense

O retraso na adxudicación da contrata da limpeza viaria e recollida do lixo do Concello de Ourense está a prexudicar seriamente o persoal . CIG-Servizos demanda que se estabilice axiña a situación laboral dos traballadores e traballadoras.
15/9/09.

Comunicado emitido pola CIG-Servizos de Ourense:

Desde fai máis dun ano, os traballadores-as da contrata do servizo de limpeza viaria e recollida do lixo do Concello de Ourense están pendentes do concurso público para unha nova adxudicación, o que ten provocado un retraso na aplicación do Convenio Colectivo do ano 2009, que aínda está pendente de negociación neste momento, ocasionando un importante prexuízo económico para os traballadores-as.

En Xaneiro do 2008 a CIG fixo chegar ao Concelleiro de Medio Ambiente un escrito no que manifestabamos a petición de que a empresa adxudicataria mantivese sempre o número mínimo de traballadores que forman parte do cadro de persoal no momento de adxudicación da contrata. Agora reiteramos que se debe esixir iso a nova contrata e, así mesmo, que se debe manter na mesma a todo o persoal actual entre o que se atopan contratados temporalmente varios traballadores.

Esiximos que se estabilice o emprego deste persoal que leva varios anos traballando neste servizo e que o debate político e enfrontamento entre goberno e oposición, que se está provocando coa adxudicación do servizo, non provoque máis retrasos na concesión nin afecte a estabilidade no emprego dos que actualmente conforman o cadro de persoal.

Ourense, 15 de setembro de 2009

Asdo: Carlos Vázquez Castro

(CIG-SERVIZOS OURENSE)