Benestar debe implicarse no conflito dos xeriátricos pois o 80% das prazas son concertadas

20090929_rp_residencias.jpg
CIG-Servizos e CC.OO solicitaranlle unha entrevista á conselleira de Traballo e Benestar co obxectivo de que este departamento autonómico interveña no conflito derivado da ruptura da negociación do convenio de Residencias Privadas da Terceira Idade.
30/9/09.

O 80% das prazas ofertadas son concertadas. Ademais, a Xunta participa na empresa de capital mixto SOGASERSO, rede de servizos sociais na que están integrados numerosos xeriátricos. A Administración autonómica non é allea a este conflito e non pode seguir a inhibirse pois é corresponsábel das condicións laborais e salariais do persoal destes centros. A Xunta tamén ten a obriga de controlar o cumprimento estrito da normativa autonómica en materia de ratios e condicións hixiénico-sanitarias dos xeriátricos.

A intención da parte social de se reunir coa Xunta manifestárona en rolda de prensa Paulo Rubido, secretario nacional da CIG-Servizos, e Roberto Alonso, secretario comarcal de Compostela, que compareceron ante os medios o 29 de setembro acompañados de dous representantes de CC.OO.

Os sindicalistas censuraron novamente a posición intransixente da patronal que pretende impor unha serie de recortes de dereitos, ademais dunha suba salarial dun 0´50% como máximo. Con esta actitude, os empresarios impiden calquera tipo de entendemento coa parte social, o que provoca que o convenio estea bloqueado e que resulte imposíbel chegar a un acordo. Rubido entende que a patronal galega está a seguir ao ditado as ordes da CEOE, organización empresarial estatal que insta as súas sucursais autonómicas a que non asinen convenios que superen o 0´50% de incremento salarial.

Emprego feminizado              

O sector das Residencias Privadas da Terceira Idade dá emprego en Galiza a unhas 5.000 persoas, fundamentalmente mulleres que, na maioría das ocasións, ocupan a categoría de xericultoras, remuneradas con 800 euros mensuais en 14 pagas anuais.

O volume de negocio nos servizos privados sanitarios, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, sobe anualmente case un 6%, ao igual que a contratación. Os datos, por conseguinte, desmenten as argumentacións dos empresarios dos xeriátricos, que se escudan nunha crise que non os afecta para conxelar os salarios. Grandes grupos empresariais como Mapfre ou Eulen posúen residencias de anciáns.

Concentración en Compostela

Traballadores e traballadoras do sector concentraranse o 1 de outubro, ás 11:30 horas, diante da residencia “Mapfre-Quavitae” en San Lázaro (Compostela), en coincidencia coa festa aniversario deste xeriátrico.