CIG-Servizos denuncia a suposta cesión ilegal do traballador da USC José Miguel Túñez á Radio Galega

tunhez.jpg
A sección sindical da CIG-Servizos na CRTVG vén de denunciar ante a Inspección Provincial de Traballo da Coruña a suposta cesión ilegal do traballador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) José Miguel Túñez López á Radio Galega (RG). Desde o 7 de setembro, Túñez López presenta e dirixe o magazine “A Tarde”, que a emisora pública emite de luns a venres entre as 16 e as 19 horas.
14/10/09.

A sección sindical tamén denuncia o incumprimento por parte da dirección da canle autonómica da obriga legal de información á representación sindical en relación cun suposto convenio bilateral entre a USC e a RG que presuntamente daría cobertura legal á cesión do devandito traballador.

Túñez López, sen ter concedida a súa excedencia voluntaria por incompatibilidade como profesor titular da USC, realiza funcións laborais para RG, sometido á xornada e horario do equipo de produción do programa “A Tarde”, no cal está integrado en funcións de dirección e presentación. Estas funcións son propias da categoría laboral de redactor, integrada no nivel 1 do Convenio colectivo da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as súas sociedades (2007-2010). Por tanto, omitíronse os procedementos convencionais de contratación e provisión de vacantes para substituílos por un suposto convenio bilateral entre a USC e a RG que non constitúe soporte xurídico hábil para a integración dun funcionario da USC na estrutura produtiva da RG.

Á marxe doutras responsabilidades, como as disciplinarias que poden deducirse pola infracción da prohibición de compatibilizar dous postos de traballo no sector público (art. 1.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro), estase a incorrer en cesión ilegal dun traballador, ao carecer a entidade cedente (USC) de infraestrutura e organización propia para a realización da obra obxecto do suposto convenio. A USC limítase a pór a disposición da RG un dos seus funcionarios, sen exercer as funcións inherentes á súa condición de empresario.

A cesión de traballadores constitúe unha infracción administrativa moi grave, tipificada no artigo 8.2 do Real Decreto Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social (LISOS), e sancionábel con multa de 6.251 a 187.515 euros.

En relación coa información facilitada pola empresa a requirimento do comité de empresa, a sección sindical da CIG-Servizos entende que se está a obstaculizar o exercicio das funcións que legalmente corresponden á representación legal do persoal. A información que o comité pedía era unha copia literal do convenio de colaboración entre a RG e a USC e unha aclaración sobre a situación laboral do director e presentador do programa “A Tarde”.

O informe remitido pola CRTVG non se pode considerar satisfactorio, porque omite o clausulado do convenio e outros detalles relevantes como o número exacto dos traballadores implicados, o seu vínculo xurídico, a dependencia funcional e a categoría profesional e só se dá como única explicación que serán «aproximadamente 1». Esta conduta da empresa supón unha infracción material dos dereitos de información e consulta do comité de empresa, regulados no artigo 64 do Estatuto dos Traballadores, e está tipificada como infracción administrativa grave no artigo 7.1.7 da LISOS.