Haberá folga na Limpeza hospitalaria de Ourense

Os e as traballadoras da limpeza do Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU), pertencentes á empresa EUROLIMP, decidiron por unanimidade a convocatoria de folga ademais doutras mobilizacións no sector, que agrupa todos os centros hospitalarios do SERGAS na provincia. A falta de acordo na negociación do convenio motiva a realización dos paros.
30/10/09.

EUROLIMP,S.A., empresa maioritaria, está a boicotear as negociacións con propostas que cuestionan a base do convenio como a equiparación salarial dos traballadores e traballadoras co persoal do grupo E do SERGAS, que se vén aplicando desde hai 20 anos.

A última proposta da empresa rexeita a aplicación dos aumentos salariais desde o 1 de xullo de 2008 e dos incrementos previstos nas horas extras para o ano 2009. Por tanto e de saírse coa súa EUROLIMP, cada empregado deixaría de percibir 500 euros por ano.

A asemblea na que se aprobou a convocatoria de folga celebrouse, o 29 de outubro, no exterior do CHOU por impedir a dirección de EUROLIMP a realización da mesma en horas de traballo.