O Comercio de Alimentación coruñés aproba a convocatoria de folga

Asemblea do Comercio de Alimentación na Coruña
As asembleas do Comercio de Alimentación celebradas na Coruña, Compostela e Ferrol na noite do 17 de novembro aprobaron de maneira case unánime convocar folga na provincia para o 27 deste mes. Os paros serán indefinidos a partir do 9 de decembro. Do mesmo xeito, acordouse un calendario de mobilizacións que comeza o 23 de novembro cunha concentración diante da nave de distribución de Gadisa, en Piadela (Betanzos).
18/11/09.

As pretensións da patronal de aumentar como máximo os salarios en 8 euros ao mes durante catro anos (uns 0´27 euros ao día), de minguar dereitos xa conquistados e a negativa a reducir a xornada anual (1.812 horas) foron razóns de peso para que as traballadoras e traballadores da provincia coruñesa adoptasen as decisións de ir á folga e de se mobilizar.

Na asembleas desenmascaráronse as falacias dos empresarios, nomeadamente do grupo Gadisa, que se amparan na crise para recortar dereitos e conxelar salarios. Representantes da CIG-Servizos valéronse dos datos aparecidos na web de Gadisa e dunha revista corporativa para refutar os argumentos dos propietarios do emporio e demostrar que o grupo segue a medrar.

Calendario de mobilizacións na provincia da Coruña:

  • 23 de novembro: de 13 a 15 horas, concentración diante da nave de distribución de Gadisa no polígono de Piadela (Betanzos).
  • 24 de novembro:
  1. de 11 a 12 horas, concentración fronte ao Gadis do centro comercial Catro Camiños (A Coruña).
  2. de 12 a 13 horas: concentración ás portas do Froiz da rúa Benito Blanco Rajoy (A Coruña).
  • 27 de novembro: folga.
  • A partir do 9 de decembro: folga indefinida.