O persoal do Comercio de Alimentación pontevedrés tamén irá á folga o 27 de novembro

folga_comercio_alimentacion_pontevedra.jpg
Traballadoras e traballadores do Comercio de Alimentación da provincia de Pontevedra decidiron en asembleas acudir á folga o 27 de novembro como resposta ao desplante patronal na mesa de negociación do convenio. Deste xeito, a folga afectará máis de 30.000 empregados/as e uns 2.200 estabelecementos entre as provincias pontevedresa e coruñesa.
19/11/09.

Están chamados á folga máis de 17.000 traballadoras e traballadores de 1.200 estabelecementos na provincia de A Coruña e 13.000 empregados/as e uns 1.000 centros en Pontevedra, aínda que os afectados serán, fundamentalmente, os Grupos Gadisa, Lidl, El Árbol e Froiz, porque son as compañías con máis poder na mesa de negociación e porque o resto son pequenas tendas de alimentación de carácter familiar.

Presións da patronal

Os sindicatos denuncian as coaccións e as presións que a patronal está realizando para impedir a participación dos traballadores e traballadoras na folga. De feito, as organizacións sindicais sopesan iniciar accións xudiciais contra Gadisa por pretender vulnerar o dereito á folga dos/as empregados/as, xa que está promovendo unha recollida de sinaturas (baixo ameazas e coaccións) en contra dos paros.

Hai que lembrar que o Grupo Gadisa se caracteriza, nas súas relacións laborais, polo seu reiterado incumprimento da legalidade e xa rexistra varias sentenzas condenatorias por ilegalidades na contratación e represión sindical.

Mobilizacións na provincia de Pontevedra:

  • 23 de novembro: ás 11 horas, concentración diante do almacén de Froiz en Poio.
  • 24 de novembro: ás 11 horas no Gadis da rúa Rosalía de Castro, en Vigo.

Mobilizacións na provincia da Coruña:

  • 23 de novembro: de 13 a 15 horas, concentración diante da nave de distribución de Gadisa no polígono de Piadela (Betanzos).
  • 24 de novembro:
  1. de 11 a 12 horas, concentración fronte ao Gadis do centro comercial Catro Camiños (A Coruña).
  2. de 12 a 13 horas: concentración ás portas do Froiz da rúa Benito Blanco Rajoy (A Coruña).