Amplo seguimento no primeiro día de folga nas instalacións deportivas

20091126_folga_deportes_corunha
Máis do 90% dos traballadores e traballadoras das instalacións deportivas de Galiza secundaron o 26 de novembro a primeira das tres xornadas de folga convocadas no sector en demanda dun convenio digno. Os paros estiveron acompañados de concentracións en diferentes cidades do país. A folga proseguirá o 28 e 30 deste mes.
26/11/09.

Na Coruña traballadores/as concentráronse na praza de María Pita e posteriormente partiron en manifestación até as instalacións da Solana, que permanecían abertas. No lugar vivíronse momentos de tensión por culpa da prepotencia dos axentes antidisturbios da policía española, que identificaron varios traballadores e amagaron con cargar en máis dunha ocasión.

Desde a Solana, os manifestantes trasladáronse até o Obelisco, onde ten un despacho o bufete de avogados “Garrigues”, que asesora a patronal do sector. De aí a marcha dirixiuse até o edificio do Banco Pastor no Cantón, ao ser esta entidade a que participa maioritariamente no capital de Sidecu, empresa xestora de instalacións deportivas. De novo os axentes da UIP (antidisturbios) ameazaron con facer uso das porras e das escopetas de pelotas de goma.

As protestas proseguirán na cidade herculina o 29 de novembro, ás 10:30 horas, no Palacio dos Deportes, onde nese momento vai xogar o Liceo de hockei. O día 30 repetirase a concentración en María Pita, nesta ocasión en coincidencia coa celebración do pleno municipal.

Protestas no resto do país

Na comarca de Ferrol, o persoal secundou a folga nun 99%, mentres que no resto da provincia e en Pontevedra o paro foi seguido polo 95% do persoal. En Monforte, Ribadeo, Foz e Viveiro as piscinas permaneceron pechadas.