O persoal de limpeza do CHUAC mobilízase para esixir ás concesionarias o cumprimento dos convenios

20091201_limpeza_chuac.jpg
O persoal dos servizos de limpeza dos centros adscritos ao Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC) iniciou o 1 de decembro un calendario de mobilizacións para reclamar ás empresas concesionarias do servizo o cumprimento estrito dos convenios colectivos. CIG-Servizos non descarta convocar folga de non solucionarse a situación.
01/12/09.

O persoal de limpeza do CHUAC negociou hai xa tres anos coa Dirección do Complexo a súa equiparación co persoal do Grupo E do SERGAS, que se iría aplicando a medida que saíse a concurso o servizo en cada un dos centros de traballo. Este proceso rematou o pasado mes de outubro, logo de que os traballadores e traballadoras do Hospital Marítimo de Oza acadaran a súa equiparación.

Hai que lembrar que durante máis de 12 anos, este persoal estivo realizando as mesmas tarefas que o resto do persoal de limpeza do CHUAC, aínda que as súas condicións salariais e laborais eran moi inferiores.

Non obstante, as empresas veñen incumprindo os convenios de xeito sistemático, ademais de levar a cabo outro tipo de prácticas en contra dos dereitos do persoal. Tanto é así que Valoriza sancionou unha traballadora coa suspensión de emprego e soldo durante dous meses e Linorsa denegoulles os días de permiso recollidos no convenio a dous operarios.

Ademais, as conversas mantidas no último ano coa Dirección de Xestión do CHUAC non serviron para corrixir estas “prácticas” por parte das compañías adxudicatarias.

Responsabilidades da Xerencia

Por este motivo, o persoal acordou mobilizarse arredor das instalacións do CHUAC para reclamar á dirección do complexo que asuma a súa responsabilidade e presione as empresas para que cumpran todos os termos dos convenios colectivos. Así mesmo, os traballadores remitiron un escrito ao Director Xerente lembrándolle que a dirección do CHUAC é a responsábel de facer cumprir ás concesionarias as condicións pactadas.