A Inspección de Traballo sanciona a Radio Galega por cesión ilegal do traballador da USC Miguel Túñez

tunhez.jpg
A Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de A Coruña practicou acta de infracción o 19 de novembro contra a Radio Galega (RG) pola cesión ilegal do traballador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) José Miguel Túñez López á emisora autonómica. A RG pode enfrontarse a unha multa de até 187.515 euros. A sección sindical da CIG-Servizos reclama o cesamento inmediato de Túñez López nas funcións de presentación e dirección do programa “A Tarde”.
04/12/09.

José Miguel Túñez López dirixe e presenta o programa A Tarde desde o pasado 7 de setembro e pasou a integrarse na estrutura produtiva da RG, sen máis soporte xurídico que un convenio de colaboración entre a USC e a emisora pública. A Inspección de Traballo confirma que “D. José Miguel Túñez López estivo suxeito a unha cesión ilegal de traballadores, xa que estivo contratado pola USC para cedelo á RG, consistindo as súas funcións no desenvolvemento normal e habitual das competencias de director do programa A Tarde, posto que dende o 01/09/09 estivo cubrindo necesidades que, de non ser realizadas por el, terían que ser encomendadas a algún dos locutores do cadro de persoal estable da empresa. É dicir, trátase de necesidades de natureza ordinaria e permanente idénticas ás que viñan cubrindo anteriormente outros locutores”. Na LISOS (Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social) esta infracción tipifícase como moi grave e sanciónase con multa de 6.251 a 187.515 euros.

Ademais de omitir o procedemento convencional de contratación (baseado nos principios de igualdade, capacidade, mérito e publicidade), a relación laboral do funcionario da USC José Miguel Túñez López coa RG incumpre o artigo 1.1 da Lei de incompatibilidades, que dispón: “O persoal comprendido no ámbito de aplicación desta Lei non poderá compatibilizar as súas actividades co desempeño, por si ou mediante substitución, dun segundo posto de traballo, cargo ou actividade no Sector Público, agás nos supostos previstos na mesma”.

Mais o convenio de colaboración entre a USC e a RG para a realización do programa A Tarde aínda incumpre o artigo 11, apartado 3, da Lei de Transparencia e de Boas Prácticas na Administración Pública Galega, que establece que os convenios plurianuais requirirán a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia, autorización coa que este convenio non conta.

A representación sindical esixe a anulación do mencionado convenio de colaboración e o cesamento inmediato do funcionario José Miguel Túñez López nas funcións de presentación e dirección do programa A Tarde. Pide tamén que dúas institucións públicas da relevancia da USC e a CRTVG respecten escrupulosamente a lexislación laboral e administrativa vixente.

Máis información no blog da sección sindical na CRTVG