CC.OO e UGT rubrican un preacordo no comercio de alimentación coruñés sen consultalo cos traballadores
En ausencia da USO, os empresarios apoiáronse en CC.OO e UGT para evitar seguir cedendo ante as reivindicacións da CIG.
O acordo acadado sería impensábel sen folga, pero o traballo quedou a medias, ao asinárense unhas condicións inferiores ás de Pontevedra e que aumentan a diferenza con esa provincia.
Resumimos as condicións preacordadas, pendentes de sinatura final:
- VIXENCIA: 3 anos (2009, 2010 e 2011).
- SUBA SALARIAL: 28€ lineais para toda as categorías cada ano.
- Dependentes/as e caixeiros/as cobrarán un plus aos tres anos de antigüidade nesa categoría de 21€, (para chegar a caixeira, hai que pasar 3 anos de auxiliar de caixa, cousa moi difícil no Grupo GADISA; os repoñedores, para o mesmo, 9 anos, situación imposíbel).
- O salario de promoción da categoría de Mozo pasa de 17’37 a 21€.
- CLÁUSULA DE REVISIÓN SALARIAL: IPC + 0% aos 3 anos.
- O descanso para xornadas superiores a 6 horas aumenta de 15 a 20 minutos.
- A mobilidade xeográfica restrínxese aos concellos limítrofes.
- Aumento a 18 días da licenza por lactación.
- Ampliación do dereito de redución de xornada por coidado de fillos de até 10 anos.
- As xornadas de traballo que non superen as 4 horas serán continuadas.
- Licenza retribuída para renovar permisos de residencia.
A suba salarial significa que no ano 2010 o persoal vai cobrar, como mínimo, 840€ máis dos que tiña pensado a empresa conceder. Sen a loita e o esforzo de todos os traballadores/as que secundaron a folga, hoxe estaríamos falando dun convenio que repetiría as mesmas condicións salariais que o existente.
CIG-Servizos someterá este preacordo a votación en asembleas que se celebrarán o próximo 10 de decembro.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
PANFLETO_FINAL_GADIS_II.pdf | 48.73 KB |