A limpeza do CHUAC, disposta a convocar folga se as empresas seguen a incumprir os convenios

O persoal dos servizos de limpeza dos centros adscritos ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) continúa co calendario de mobilizacións para esixir ás empresas concesionarias o cumprimento estrito dos convenios colectivos.
11/12/09.

Traballadores concentráronse, o 11 de decembro, diante da Xerencia para lembrar á dirección do CHUAC que é a responsábel última de facer cumprir ás empresas as condicións pactadas. O persoal advertiu que non descarta convocar folga en todo o complexo se prosegue a situación actual.

As concesionarias están incumprindo os convenios de xeito sistemático e atentan contra os dereitos do persoal. Tanto é así que Valoriza sancionou unha traballadora que tiña solicitado un permiso retribuído coa suspensión de emprego e soldo durante dous meses, mentres que Linorsa lle denegou a dous empregados os días de permiso, contemplados no convenio, en caso de enfermidade grave dun familiar.