A segunda fase da folga nos deportes logra pechar de novo as instalacións

20091222_folga_deportes.jpg
Persoal das instalacións deportivas de toda Galiza desprazouse a Compostela o 22 de decembro para participar nunha concentración convocada diante das dependencias da Secretaría Xeral para o Deporte. Tras ocupar durante máis de media hora as oficinas, os traballadores saíron en manifestación até as dependencias da Xunta en San Lázaro. Deste xeito, púxose fin a catro xornadas consecutivas de paros e mobilizacións en demanda da negociación do convenio colectivo. O seguimento da folga volveu ser do 90%.
23/12/09.

Os empregados advirten que os paros proseguirán en xaneiro e, de non alcanzarse un acordo, a folga será indefinida a partir de febreiro.

A Xunta, que concede a xestión de instalacións deportivas a empresas privadas, debe asumir a súa responsabilidade e implicarse no conflito para obrigar os patróns a asinar un convenio xusto que garanta unhas condicións salariais e laborais dignas.

CIG-Servizos, CCOO e UGT, organizacións convocantes destas mobilizacións, denuncian a intransixencia da patronal. Malia dous anos de conflito, esta non foi quen de mellorar as condicións laborais precarias nas que desenvolven a súa actividade as traballadoras e traballadores do sector, para os que é irrenunciábel a dignificación dos salarios (para achegarse, cando menos, á condición de mileuristas) e a consecución dunha xornada que permita conciliar a vida laboral e familiar. Alén diso, reclaman o estabelecemento dun convenio que cubra todo o sector e a modificación das condicións da Incapacidade Temporal.

Neste intre os traballadores/as dependen de até cinco convenio diferentes: limpeza, sidero-metalúrxico, ensino privado non regrado, hostalaría e o estatal de instalacións deportivas.