A Inspección determina que a xefa de programas da Radio Galega foi contratada en fraude de lei

logo_radio_galega.jpg
A Inspección de Traballo declarou en fraude de lei a contratación, na modalidade de interinidade en vacante, da xefa de Programas da Radio Galega, Gloria Ferreiro. Segundo a autoridade laboral, Ferreiro foi contratada para coordinar os programas e os locutores que presentan os mesmos e estas funcións non coinciden coas de locutora de radio sinaladas no contrato.
29/12/09.

Ademais, a contratación de Gloria Ferreiro celebrouse á marxe do procedemento de contratación temporal estabelecido no convenio colectivo da CRTVG e as súas sociedades, que ten por finalidade cumprir cos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade. É dicir, Gloria Ferreiro foi contratada lesionando o dereito preferente doutros aspirantes pola súa puntuación acreditada nas listaxes de contratación temporal.

Por todo isto, a inspectora considera que a xefa de Programas da Radio Galega foi contratada en fraude de lei, infracción tipificada como grave na Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social.