A limpeza do Concello de Ourense estará en folga o 4 de xaneiro

Urbaser.jpg
A negativa de Urbaser, concesionaria da limpeza viaria e da recollida do lixo no Concello de Ourense, a asinar o convenio de 2009 motivou que o 99% do persoal acordase en asemblea secundar unha folga de 24 horas, que se estenderá desde as 06:00 horas do 4 de xaneiro até a mesma hora do día posterior.
29/12/09.

A xornada de folga foi convocada polo comité de empresa (do que forma parte CIG-Servizos con dous representantes) logo da aprobación en asemblea polo 99% dos asistentes.

Cómpre lembrar que os operarios deste servizo teñen equiparadas as súas condicións económicas co persoal do Concello de Ourense. As reunións mantidas co alcalde tampouco valeron para solucionar o conflito. No caso de que non se atendan as reivindicacións dos traballadores, a folga reiniciarase o 11 de xaneiro con carácter indefinido.