As protestas da limpeza do CHUAC chegan até as portas do Centro de Especialidades do Ventorrillo

20100108_limpeza_ventorrillo.jpg
As traballadoras e os traballadores do servizo de limpeza dos centros adscritos ao CHUAC continúan nestes primeiros días do ano co calendario de mobilizacións en demanda do cumprimento dos convenios colectivos e na defensa dos seus dereitos laborais. As protestas trasladáronse o 8 de xaneiro até o Centro de Especialidades do Ventorrillo.
09/1/10.

Nin as mobilizacións continuas nin a investigación aberta pola Inspección de Traballo por mor das denuncias dos traballadores e traballadoras conseguiron que as empresas da limpeza dos centros adscritos ao CHUAC mudasen de posición. É máis, o persoal segue a cobrar con retraso os seus salarios, as táboas salariais non están actualizadas e as nóminas aínda reflicten numerosos erros.

Diante desta situación, os traballadores e as traballadoras acordaron continuar co calendario de protestas iniciado o pasado 1 de decembro. O 8 de xaneiro realizaron unha concentración ás portas do Centro de Especialidades do Ventorrillo, do que Linorsa ten a contrata da limpeza.