Pimkie pecha a súa tenda na Coruña e deixa na rúa seis traballadoras
A tenda da Coruña sempre lle resultou molesta a Pimkie polo carácter reivindicativo do cadro de persoal. Foron constantes as denuncias na Inspección de Traballo, que levantou actas de infracción, entre outros aspectos, por incumprimentos no descanso mínimo legal ou na normativa en materia de prevención de riscos laborais. A firma, ademais, comete erros constantes nas cotizacións á Seguridade Social.
A multinacional francesa acóllese á modalidade de despedimento obxectivo por causas económicas, o que para a CIG-Servizos non deixa de ser unha fraude de lei para evitar recoñecer o carácter improcedente destas rescisións de contrato. A compañía segue a abrir novos estabelecementos polo mundo adiante e a reformar tendas no Estado español, onde, por certo, continúa a ofrecer postos de traballo.
A Federación de Servizos da CIG organizou o 5 de outubro unha concentración ás portas do Pimkie coruñés, sito na praza de Lugo, que se estendeu por volta dunha hora e na que participou media centena de delegados e delegadas. A protesta foi vixiada por un discreto dispositivo policial.





