A CIG alerta que a CRTVG intentará impor unha perda xeneralizada de dereitos ao persoal

Recursos Humanos vén de anunciar que denunciará o convenio colectivo, só pretexto de que non se pode costear o actual
A sección sindical da CIG na CRTVG alerta da pretensión da compañía de rebaixar, de forma xeneralizada as condicións laborais e salariais ao persoal do ente. Así o interpreta logo de que o director de Recursos Humanos, Carlos Paz, comunicara que a súa intención de denunciar o Convenio Colectivo porque non se pode costear o actual marco de relacións laborais, nomeadamente no que atinxe ás categorías profesionais e á flexibilidade.
23/11/12.

A CIG sinala que o escenario é especialmente adverso, xa que segundo se recolle na última reforma laboral, desde a denuncia do convenio colectivo, se non se acorda un novo este perderá a súa vixencia e pasará a aplicarse o de ámbito superior que fora de aplicación ou, no seu defecto, o Estatuto dos Traballadores.

A isto engade que o director de Recursos Humanos tamén comunicou que a achega da Xunta á CRTVG, para o ano 2013, vai experimentar unha diminución de 5 millóns de euros. Unha cantidade que representa unha minoración de algo máis do 5%, que permitiría aplicar o despedimento colectivo (cunha indemnización de 20 días por ano traballado, cun máximo de 12 mensualidades), fundamentando en causas económicas. Posibilidade que, en todo caso, non adiantou Carlos Paz.

A sección sindical da CIG considera que ante este panorama, a empresa tratará de impor unha perda xeneralizada de dereitos. Por iso, fai un chamamento ao persoal a concienciarse e implicarse porque entende que depende “da nosa forza e unidade, que poida conseguilo ou non”.