CIG-Servizos rexeita o ERE en Paradores, que suporá a perda duns 100 postos de traballo en Galiza

Demanda a dimisión da presidenta, Ángles Alarcó, que dispón dun salario de 180.000 euros sen que se coñezan as súas funcións
A CIG manifesta o seu total rexeitamento ao ERE que está levando a cabo a empresa PARADORES en todo o estado e en especial no que fai referencia aos centros ubicados en Galiza. En plena negociación do convenio estatal que afecta aos paradores de Galiza agás o do Hostal dos Reis Católicos que ten convenio propio e que tamén se estaba negociando ata que a empresa respondeu en ambos casos presentando un ERE que suporá a perda de case 100 postos de traballo en Galiza, incluíndo o peche definitivo dos paradores de Ferrol e Verín, así como o peche parcial no caso de Monforte e San Estevo, Vilalba e Tui e destrucción de postos de traballo no resto de centros do noso país.
17/12/12.

A CIG denuncia que na elaboración do citado ERE participaron até seis empresas de consultoría privadas o cal supón un elevadísimo custe para unha empresa que está dicindo que ten unha mala situación económica. Todo isto tendo en conta ademáis que a empresa conta cun cadro de persoal de máis de 400 persoas en administración.

Denuncia tamén que Paradores segue a ter, a día de hoxe, unha Presidenta, a señora Ángeles Alarcó, ex esposa de Rodrigo Rato, que conta cun salario de 180.000 euros e cuxas funcións como tal son completamente descoñecidas para os traballadores, e á cal a CIG lle esixe a súa inmediata dimisión.

Sábese que a intención real que hai detrás do ERE presentado pola empresa é a súa privatización, unha vez que se teñan empeorado as condicións laborais e económicas do persoal, e así poder vender unha empresa “limpa a non sabemos quen”.

A CIG posiciónase rotundamente en contra da privatización de Paradores, pero sí está de acordo en que o Estado non pode seguir controlando a xestión dunha empresa que demostrou non saber xestionar, e que ademais interfire nunha competencia que Galiza ten asumida como é a de Turismo. Por iso exixe que a xestión sexa asumida pola Xunta de Galiza, sempre por suposto, mantendo os postos de traballo e as condicións laborais e económicas do persoal, e a condición pública da empresa.

A CIG apoia a folga convocada para os Paradores a nivel estatal para os días 31 de decembro e 1 de xaneiro así como a convocada a maiores desas datas para os días 24 e 25 de decembro no Parador Hostal dos Reis Católicos en Compostela. En todo caso, salienta a especificidade deste centro, en canto que ten un convenio propio polo cal só o Comité de Empresa do centro tería capacidade para negociar un ERE. Porén, a empresa e o Comité Intercentros estatal, composto na súa totalidade por CCOO e UGT, están negociando “sen lexitimidade” o ERE tamén para o Hostal dos Reis Católicos. “A CIG non recoñece a lexitimidade dese Comité Intercentros para negociar o ERE en canto aos paradores galegos xa que a CIG ten representación suficiente en varios centros”.