Neira y Ortegal atrasa o pago dos salarios como represalia aos traballadores/as por oporse ao ERE

O persoal ten pendente de cobro a nómina de novembro e a paga extraordinaria de decembro
A CIG de Ferrol vén de denunciar a precaria situación na que se atopan os traballadores/as de Neira y Ortegal, aos que a empresa adebeda as nóminas de novembro e a paga extraordinaria de decembro, e todo parece indicar que tampouco ten intención de abonar nos vindeiros días os salarios deste mes.
21/12/12.

A central entende que esta actitude responde a unha intención de “extorsión da empresa cara aos traballadores e traballadoras por estar en contra dun ERE” que a dirección  tivo que retirar por mor da oposición do persoal.

A este respecto, explica o co-responsábel da CIG de Ferrol, Xesús López Pintos, hai un ano Neira y Ortegal, S.L. tiña 90 traballadores/as e a través de baixas incentivadas e un ERE extintivo quedou en 40 traballadores/as. Un cadro de persoal que agora a empresa pretende volver reducir até quedar só con 19 persoas.

“Neira y Ortegal extorsiona aos traballadores/as non pagando a nómina de novembro nin a paga extra de decembro por non aceptar o ERE. Na mesa de negociación a empresa contábanos que habería cartos para facer fronte ás indemnizacións, pero nada se dicía das contías para abonar as nóminas”, afirma.

Abundando nesta aseveración, Pintos lembra que Construdeco (empresa líder no comercio de materiais de construción na zona norte de Lugo) é o máximo accionista de Neira y Ortegal cun 76% do seu accionariado. “Dicir que Construdeco ten ao día os pagos dos seus traballadores/as, e como está actuando como un grupo de empresas (tal como demostramos no período de consultas do ERE), non aturamos que os traballadores/as de Neira y Ortegal non cobren, porque se hai cartos para pagarlle a uns ten que haber cartos para pagarlle aos outros”.

Dende a CIG de Ferrol denúnciase publicamente a situación precaria que están a vivir os traballadores/as de Neira y Ortegal e xa advertiron que non se descarta a convocatoria dunha folga para obrigar á empresa a que faga fronte os pagos dos salarios.