Concentración no super El Árbol de Cacheiras (Teo) contra o acoso laboral a unha traballadora

Foi sancionada con 14 días de suspensión de emprego e soldo por ter un teléfono na man e usar “Cristasol”
Representantes da CIG concentrábanse este venres diante do estabelecemento que o supermercado El Árbol ten en Cacheiras, no concello de Teo para exixir o cese inmediato do acoso laboral ao que está a ser sometida Martina Carabán, que até hai un mes era delegada desta central sindical, e para demandar a retirada da sanción que lle foi imposta segundo afirma a empresa, por estar co teléfono na man en horario laboral.
01/2/13.

A sanción, de 14 días de suspensión de emprego e soldo, recolle ademais que a traballadora usaba un limpa cristais chamado “Cristasol” que a dirección da cadea alimenticia entende que é altamente perigoso, malia vendelo con total normalidade nas mesmas instalacións.

Desde a CIG considérase que a sanción é absolutamente desproporcionada e que non se pode consentir que nun sector como comercio alimentación, con salarios que en moi raras ocasións superan os 900 euros, se lle prive a unha traballadora, por estas máis que cuestionábeis razóns, da percepción da metade do seu salario.

A CIG entende que El Árbol pretende con esta medida “castigar” o labor desenvolvido por esta traballadora durante o período no que representou á central sindical como delegada.