Comités da limpeza do CHUS péchanse na Xerencia do Clínico para reclamar a negociación do convenio

Denuncian que a proposta presentada por Clece deteriora gravemente as condicións laborais do conxunto do persoal
Os Comités de Empresa do servizo de limpeza do complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) pecháronse esta mañá na xerencia do Hospital Clínico para reclamar que se facilite un contexto de negociación real do novo convenio colectivo. O peche rematou unha vez que por parte da xerencia se puxeron sobre a mesa varios compromisos.
06/2/13.

Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela denuncia que levan en tres meses tres reunións de negociación do convenio colectivo “sen que por parte da representación da empresa se teña movido nin un ápice da súa proposta inicial que non é outra que retrotraernos a hai máis de 20 anos en condicións laborais e salariais, propoñendo como plataforma o convenio colectivo provincial da limpeza que suporía un deterioro brutal”.

Os Comités demandaban ademais a implicación da Xerencia do CHUS, para que esta empregue os recursos que a lexislación lle permite, para forzar á empresa concesionaria do servizo, CLECE, a abordar unha autentica e real negociación na vez de permitirlle a “escenificación dunha farsa”.

No transcurso do peche, desde a xerencia do CHUS transmitiuse ás traballadoras que, en contra do que viña manifestando a empresa, non se lle requiriu desde o CHUS nin a propia denuncia do convenio colectivo nin a proposta de plataforma presentada pola empresa. Ao tempo, comprometeuse a contribuír a solucionar o conflito.

Xunto a isto, e a requirimento da representación sindical, por parte da xerencia clarificouse que ao longo do ano 2012 non se lle detraeu á empresa adxudicataria deste servizo, CLECE, cantidade algunha con respecto ao orzamento global da contrata. “Isto lévanos a concluír que, se por parte da xerencia non se lle detraeu cantidade algunha e por parte da empresa xa se deterioraron as condicións económicas ao persoal, detraendo entre outras, a paga extra, condicións que aínda queren empeorar, isto non só non está redundando no persoal, mais tampouco no SERGAS nin en ningunha administración, senón que está pasando a engrosar os beneficios de CLECE”.