O Comité de Empresa da TVG denuncia manipulación informativa e demanda un Estatuto Profesional

Pon como exemplo o tratamento informativo do caso Pokemon ou do caso Bárcenas
O Comité de Empresa da TVG denunciaba a pasada semana a manipulación informativa que padecen os informativos da canle pública, alertando sobre as presións e as intervencións que, sobre o seu traballo, están a recibir a cotío os e as profesionais deste medio. A representación de traballadoras/es, que xa denunciou esta práctica inconstitucional en ocasións anteriores, asegura que o problema agravouse nos últimos meses por mor dos diversos casos de corrupción política que están a saír á luz pública, como por exemplo o Caso Pokemon ou, nos últimos días, o chamado caso Bárcenas.
11/2/13.

O Comité da TVG considera “especialmente penosas e vergoñentas” estas prácticas de manipulación da televisión pública no actual contexto de grave crise económica e profundo deterioro político e social, xusto cando a cidadanía en grande parte empobrecida e indignada exixe máis que nunca o seu dereito de acceso a unha información veraz, plural e  obxectiva.

O Comité de Empresa da canle pública de Galiza denuncia a ausencia dun mecanismo que evite as presións coas que teñen que traballar cada día as e os profesionais e que garanta a liberdade e a independencia no exercicio dos seus labores informativos.

É por iso que urxe á creación inmediata do estatuto Profesional que contempla a Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza, o instrumento que, segundo a  mesma lei indica, está “destinado a fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos”.

A Lei dos medios público que o Parlamento galego aprobou en decembro de 2011 obriga a crear un Consello de Informativos, como órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación RTVG, que terá como obxectivos “velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles”.