A CIG-Servizos denuncia que o Pazo de Congresos está, desde o 1 de abril, sen servizo de seguridade

Hai un mes prescindiu tamén do servizo de limpeza
A CIG-SERVIZOS vén de denunciar que o Pazo de Congresos e Exposicións de Galiza non ten servizo de seguridade desde o día 1 de abril. A federación lembra que hai aproximadamente un mes o Pazo de Congresos prescindiu tamén do servizo de limpeza. Un conflito que segue vixente a día de hoxe, e para o que non se ten adoptado medida algunha, o que ten provocado un empeoramento da situación.
03/4/13.

Desde o 1 de abril a empresa adxudicataria do servizo de seguridade do Pazo de Congresos, Security World, decidiu darlle vacacións aos catro vixilantes que se facían cargo do servizo, polo que desde ese momento non hai ninguén que se encargue da súa seguridade.

Todo apunta a que a mala situación da empresa que xestiona o Pazo, Atlántico de Congresos, que consta que solicitou concurso voluntario de acredores a mediados do mes pasado, pode ser o detonante desta situación.

O conflito da limpeza supuxo o despedimento de 3 traballadoras, das cales a CIG segue a reclamar que sexan readmitidas, e agora son 4 traballadores máis os que non teñen claro o seu futuro.

O Consorcio de Santiago, e nomeadamente o seu Presidente “debe tomar cartas no asunto, e desta vez ten que facelo urxente e drasticamente, rescindindo o contrato coa empresa xestora do Pazo e asumindo a xestión desta instalación”, reclama a CIG-Servizos.

Lembra que cando saltou o conflito da limpeza do Pazo, o Consorcio afirmou que rescindiría o contrato en canto houbese un incumprimento o cal neste momento “é flagrante e debe conlevar a rescisión inmediata do contrato”.

A CIG-Servizos demanda o mantemento dos postos de traballo no servizo de seguridade e a recuperación dos que se perderon na limpeza. “Seguiremos a reivindicalo e non desbotamos dirixir as nosas protestas contra o Consorcio de Santiago a quen, en todo caso, identificamos como responsable desta situación”, advirten desde a federación.