O persoal de AENA no aeroporto de Santiago mobilizarase contra o ERE encuberto xa en marcha

Convocan unha concentración para o venres 19 de abril, ás 12:30 horas na nova terminal
AENA vén de pór en marcha un Plan de Viabilidade que implica unha diminución do 20% do cadro de persoal no aeroporto de Santiago. A sección sindical da CIG denunciou esta mércores, en rolda de prensa, que deste xeito Lavacolla pasará a ter 31 traballadores/as menos vulnerando así o convenio colectivo vixente e o acordo polo que se fixaba en 138 traballadores/as o cadro mínimo operativo. Alertan das repercusións que isto terá na calidade da atención e no normal funcionamento do servizo.
17/4/13.

Ante esta situación, a CIG anunciaba hoxe a convocatoria dunha concentración, o vindeiro venres día 19, ás 12:30 horas, porque considera que é imprescindíbel mobilizarse para frear as intencións de AENA e porque así o demandou o persoal. Ademais, fai un chamamento ás restantes centrais sindicais para que se sumen e para iso deixa aberto o calendario de mobilizacións, para que sexan acordadas de forma conxunta.

Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG-Compostela explica que logo do goberno Zapatero intentar pór en marcha un proceso de privatización de AENA, no ano 2011, tras numerosas mobilizacións e ante unha convocatoria de folga, chegouse a un acordo coas centrais sindicais polo que se fixaban os cadros de persoal mínimos operativos. “Isto é, que número de traballadores/as se precisan para que ese aeroporto funcione cun mínimo de solvencia, que no caso do aeroporto de Santiago, para AENA está fixado en 138 traballadores/as”, subliñou.

Porén, e malia así figurar no convenio colectivo en vigor, no chamado Plan de Viabilidade posto en marcha por AENA prevese a desaparición de 1.200 postos de traballo en todo o Estado. Segundo esas previsións, o aeroporto de Santiago será o máis afectado xa que perde máis dun 20% da plantilla pasando a ter 31 traballadores/as menos. “Non hai un aeroporto en todo o Estado que proporcionalmente sufra unha perda de persoal tan grande”, explicou Pablo de Prado, delegado da CIG no aeroporto.

De Prado sinala que se trata de 31 prexubilacións das que só se ofertaron 9 prazas e que a data de hoxe só se cubriron dúas, o que deixa en 29 o total de postos de traballo destruídos. A isto engade que moitos dos que quedan son temporais e que a 30 de xuño, a maior parte deles irán á rúa. “Mentres traballaron para AENA aceptaron mobilidade xeográfica e funcional e agora ven como desaparecen as súas posibilidades de ter un posto consolidado en AENA. Compañeiros que non traballaron simplemente seis meses, algúns deles levan máis de 10 anos”.

O recorte de persoal afecta a todos os grupos. Segundo de Prado “redúcese en sinaleiros, control de pasarela, coordinadores de programación aeroportuarios, á central eléctrica, onde se funciona con alta tensións e para o que se require formación específica, a talleres...”.

Privatización de servizos

Xunto a isto, denunciaron a inminente privatización, pola vía da externalización, dos servizos de mantemento e aparcamento. Neste último caso, consideran que é especialmente grave, xa que para AENA os aparcamentos supoñen un 13,5% de ingresos comerciais. A privatización do aparcamento xa está publicada no BOE de 14 de febreiro deste ano e hai tres empresas que optan á concesión.

Consideran ademais moi grave que no aeroporto de Santiago se fixera un investimento, hai aproximadamente ano e medio, de 270 millóns de euros de todos os galegos e galegas que “vemos como se dilapidan e que se traduce en que grande número de traballadores/as van á rúa”.

A modo de exemplo lembran que malia ser un aeroporto novo, ao pouco de inaugurarse houbo que reformar a sala de autoridades, gastándose miles de euros e que a oficina de meteoroloxía tardou máis dun ano en trasladarse á nova terminal porque non cumpría a normativa.

Pola súa banda Beatriz García, membro da sección sindical, subliñou que a diminución de traballadores/as terá importantes repercusións no normal funcionamento de Lavacolla, un aeroporto clasificado como H24, que significa que está operativo as 24 horas e que ademais é o único aeroporto de emerxencias que controla a zona Norte da península e a zona Norte de Portugal. “É importante que teña uns traballadores mínimos para poder garantir que se opera as 24 horas. Se quedamos sen o 20% é imposíbel manter o que temos agora canto a horarios e demais”.

Para Juan Manuel González, tamén membro da sección sindical da CIG en Lavacolla é obvio que se trata dun ERE encuberto que non se podería aplicar como tal porque non se poden xustificar as perdas necesarias. Canto á débeda de 14 millóns que hipoteticamente ten AENA e da que tanto se vén falando ultimamente, atribúea “á mala xestión, e algo de despilfarro, dos últimos 10 anos. Fixéronse moitas infraestruturas non sempre imprescindíbeis”.

González alerta de que, en todo caso, este é un primeiro chanzo para proceder á privatización de AENA coa intención de ofrecerlla ao capital privado como un suculento negocio, para o que, con anterioridade, se desfán de persoal e doutras ‘cargas’.

Incumprimento de prazos

O chamado Plan Social púxose en marcha no verán de 2012. Inicialmente estaba prevista a súa aplicación nos aeroportos do Grupo 3, que teñen menos de medio millón de usuarios/as anuais, nun período que iría até o 30 de xuño. A partir de aí comezaría a aplicarse nos aeroportos do Grupo 2, entre os que está o de Lavacolla. Porén, Pablo de Prado denuncia que non só non se respectaron os prazos senón que mesmo se eludiu toda negociación.