A CIG de Ferrol denuncia a negativa de Cleanet Empresarial a subrogar a catro traballadoras

A empresa, que ten a contrata a limpeza dos recintos da Armada, está incumprindo as condicións do prego de adxudicación
A CIG vén de denunciar publicamente a actitude da empresa Cleanet Empresarial, S.L. -adxudicataria da limpeza nos recintos da Armada española no Concello de Ferrol-, polo despedimento de catro traballadoras, ás que lles nega o seu dereito a seren subrogadas. A central sindical tamén denunciará este atropelo pola vía xudicial.
03/5/13.

Así mesmo, dende a CIG de Ferrol apuntaron que se van dirixir ao Ministerio de Defensa –titular da contrata- para denunciar o incumprimento do prego de adxudicación da contrata por parte desta mesma empresa.

A este respecto, o co-responsábel comarcal, Xesús Anxo López Pintos, explica que no mencionado prego contemplábase a subrogación de todo o persoal de limpeza adscrito aos centros que a Armada ten no Concello de Ferrol, polo cal non ten xustificación algunha a negativa da empresa a recoñecer agora este dereito a catro traballadoras.