A CIG da CRTVG rexeita a participación da TVG na serie “El Faro”

A sección sindical da CIG na CRTVG reclama o respecto á lingua e a identidade cultural de Galiza e solidarízase cos traballadore
A CIG-CRTVG rexeita a participación da TVG na coprodución coa FORTA da serie “El Faro”, na que a canle pública galega achega 1,3 millóns de euros. Na produción desta serie non se respectan nin os principios básicos de defensa da lingua e a cultura propias de Galiza, nin os dereitos laborais e salariais dos traballadores e traballadoras do sector audiovisual galego.
18/7/13.

Defensa da lingua e a cultura propias

A serie non ten o galego como lingua orixinal, nin está contextualizada na nosa realidade cultural, xa que se omite intencionadamente calquera referencia expresa á mesma. Este feito é moi gravidade, xa que a existencia da televisión pública de Galiza ten a súa principal razón de ser no feito de termos lingua e cultura propias. Esta produción, xa que logo, afástase da función de servizo público e da regulación audiovisual na Galiza.

A Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual da Galiza regula os principios xerais de actividade audiovisual, establecendo no apartado b. do artigo 4 “a promoción e difusión da cultura e lingua galegas”; o artigo 5 establece que “A Xunta de Galiza recoñece o  carácter estratéxico do sector audiovisual pola súa importancia cultural, social e económica, como instrumento para a expresión e dereito á promoción e divulgación da cultura de Galiza, a súa historia e a súa lingua, como datos de autoidentificación”. Principios estes que tamén recolle a lexislación dos medios públicos. É evidente que ningún deles se respecta na produción da serie “El Faro”.

Condicións de emprego

Por outra banda, a Coordinadora de Profesionais do Audiovisual Galego  denunciou que as empresas encargadas da produción da serie (Agallas Films, Cinemar, Zenit TV e Pórtico), ofrecen a técnicos, guionistas e directores uns salarios que están moi por debaixo dos mínimos establecidos no convenio laboral.

A isto hai que engadir que aos/ás traballadores/as non se lle ofrece ningún tipo de contraprestación ás rebaixas salariais e que estas condicións foron impostas unilateralmente polos responsábeis da produción da serie, evitando establecer calquera tipo de negociación previa coas asociacións profesionais do sector. Este xeito de proceder, reprobábel e denunciábel en calquera produción, resulta absolutamente inadmisíbel nunha obra que se sufraga integramente con fondos públicos.