Traballadores/as do Hotel 'Puerta del Camino' concéntranse contra o ERE suspensivo

O Expediente inclúe redución de xornada e suspensión de contratos por un período dun ano
O Comité de Empresa do Hotel Puerta del Camino convocou para este xoves unha concentración de protesta contra o ERE suspensivo e de redución de xornada imposto pola empresa. No decurso da mobilización denunciaron ademais os atrasos continuados no pagamento das nóminas e anunciaron a convocatoria de folga para os días 24 e 25 de xullo de non se retirar o ERE e actualizar os pagos pendentes.
18/7/13.

Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, considera que non ten sentido aplicar un ERE ao comezo da campaña de verán sabendo que é tempada alta no sector de hostalería. “Vai a haber unha redución de persoal que afectará á capacidade do propio establecemento para prestar un servizo de calidade xusto no momento de maior demanda, nun hotel de catro estrelas superior”.

Para a central sindical, este ERE é unha fraude, xa que “é a segunda vez que o intentan impor desde o pasado mes de maio, pero non o levaron a cabo por incumprimentos formais”, explica Alonso.

A modo de exemplo sinala que neste ERE “non se sabía nin o persoal afectado que ía ter redución ou suspensión e a empresa utilizouno para mandar ao paro a xente que está de baixa e máis á que ía de vacacións”.

O secretario comarcal da CIG-Servizos denuncia ademais que mentres isto ocorre, “estanse facendo novas contratacións así como horas extra”, o que entende que é “inadmisíbel”. Lembra tamén que os problemas cos pagamentos das nóminas e demais comezaron o pasado outono cando se fixo cargo da xestión o grupo “Oca Hoteles”.