Desconvocada a folga en Urbaser tras o acordo de mantemento da xubilación parcial e anticipada

Estaba previsto o seu inicio para o domingo día 21 de xullo
A folga indefinida convocada no servizo de recollido de lixo de Santiago non chegará sequera a iniciarse. Urbaser, empresa concesionaria, asinaba na tarde deste xoves un acordo polo que se manteñen os dereitos sociais que estaban xa acordados. A empresa pretendía eliminar o dereito á xubilación parcial e anticipada. A CIG-Servizos manifesta a súa satisfacción ante o remate do conflito.
19/7/13.

A folga foi desconvocada tras da xuntanza celebrada a última hora deste xoves, logo de que a empresa aceptara manter as condicións recollidas no preacordo do convenio. Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos, sinala que Urbaser quería eliminar o dereito á xubilación parcial e anticipada. “Ante iso decidiuse a convocatoria de folga, porque xa estaba acordado na negociación e porque supuña unha perda de dereitos sociais para os traballadores/as”.

Alonso sinala que tamén se mantén outro dos acordos que xa estaban acadados, como o incremento salarial do 45% do IPC e, no seu conxunto, o actual convenio. O representante da CIG afirma que “tendo en conta o actual contexto e como se están producindo as negociacións, é un acordo moi positivo”.