Convocada folga indefinida na cafetería da TVG a partir do 19 de agosto

A nova concesionaria despediu a 3 traballadores cando no prego de condicións se estabelece como requisito a subrogación de todos
A CIG-Servizos vén de anunciar a convocatoria dunha folga indefinida na cafetería da TVG, a partir do día 19, en demanda da readmisión dos tres traballadores que souberon que estaban despedidos este xoves, cando se lles impediu acceder ás instalacións da compañía para incorporarse ao seu posto de traballo. O Comité Interempresas da CRTVG vén de manifestar o seu apoio “incondicional” a estes traballadores”.
02/8/13.

Coesco Deza S.L. comezou a xestionar a cafetería en réxime de concesión o 1 de agosto. Nos pregos de condicións estaba prevista a subrogación de todo o cadro de persoal, composto por 13 persoas. Porén tres traballadores non pudieron sequera acceder ás instalacións da TVG ao impedírenllo os gardas de seguridade da compañía.

Cando preguntaron polo motivo, informáronos de que segundo a  información que tiñan non pertencían a ningunha das empresas que operan nas instalacións do ente.

A CIG-Servizos responsabiliza á propia dirección da CRTVG desta situación porque é quen dá as ordes ao persoal de seguridade, Denuncia ademais o incumprimento da normativa laboral, xa que foi así como estes traballadores souberon que estaban despedidos.

Xunto a isto denuncia o incumprimento, por parte da concesionaria, do prego de condicións e a actuación “absolutamente irregular” da CRTVG por teren permitido que a empresa o incumprira.

Do mesmo xeito, agradece tanto ao Comité Interempresas como ao conxunto do persoal, o seu apoio.

Chamamento a un boicot indefinido de consumo

O Comité Interempresas, na súa xuntanza desta mesma mañá, acordou exixirlle a Coesco Deza S.L (Culinaria de Silleda) a readmisión inmediata dos tres afectados. Nunha nota que vén de facer pública denuncia “o incumprimento, por parte desta empresa, dos convenios estatal e provincial de hostalería, que obrigan á subrogación de todo o persoal, unha cláusula que tamén recolle o propio prego do concurso”.

Xunto a isto, chama aos traballadores e traballadoras da CRTVG e as súas sociedades a secundar un “boicot indefinido de consumo neste servizo” e considera lamentable o trato que recibiron os despedidos, algún dos que levaba máis de 20 anos traballando na cafetería.