O conflito do Valle-Inclán chega á Deputación de Pontevedra após 22 despedimentos

As traballadoras concentraronse diante do organismo provincial para demandar a súa implicación
Traballadoras e membros do comité de empresa do centro da terceira idade Valle Inclán de Vilanova de Arousa concentraronse este venres 9 de agosto diante da Deputación de Pontevedra co obxectivo de solicitar ao organismo provincial a súa implicación no conflito. “Este non é unicamente un conflito laboral, se non social”, indican, ao tempo que lembran que a administración pública é a principal financiadora dun centro no que se levan despedido 22 coidadoras en represalia pola súa actitutude reivindicativa.
09/8/13.

“Son nai dun neno de 9 meses e tentaron impedirme a redución de xornada”, comenta Carmen Santos, secretaria do comité de empresa, que acaba de gañar o xuízo que lle permite conciliar a vida familiar e laboral a pesar das trabas da empresa. No entanto, outra compañeira de traballo non tivo tanta sorte: despedírona despois de esixir os seus dereitos como nai.

Son dous casos exemplificativos da actitude despótica da xerencia do centro da terceira idade Valle Inclán, en Vilanova de Arousa, e que comezou en xaneiro despois de as traballadoras esixiren os seus dereitos. “Puxemos unha denuncia para manter un plus que nos querían quitar, e a partir de entón comezou o acoso por parte da dirección”, indica a presidenta do comité de empresa, Fernanda Lois, á que tamén despediron.

E é que prepotencia e o despotismo do xerente Enrique Martínez cara as traballadoras sindicadas parece non ter límite nen entender de normas ou lexislación. Calquera discrepancia ou reivindicación ten como resultado o despedimento, que suma 22 ceses (dous esta mesma semana), ou tamén sancións de emprego e salario. “Despediron compañeiras nosas por supostas faltas de cualificación ou por tratarmos mal aos residentes”, denuncia Fernanda, que nega as acusacións á vez que recorda que a maioría delas levan máis de 20 anos a traballar no centro e levan demostrado sobradamente a súa implicación e preparación. “Mesmo puxemos a andar o Valle Inclán cando tiña dificultades e non había dirección”, engade.

Enrique Martínez, o xerente que xoga a ser o “capo di capi”

Agora, as insumisas que non foron despedidas fican privadas de salario. “Hai compañeiras que levan 4 meses sen cobrar”, ao que hai que sumar a campaña de coaccións, acoso laboral, insultos e maltrato psicolóxico do que están a ser obxecto as traballadoras, á que se engade unha campaña de difamacións. “O xerente adícase a tentar convencer á xente, a comprar vontades” e mesmo “presume de ter contactos na Xunta, Deputación e mesmo de coñecer algún xuíz”.

Porén, as manobras non rematan aquí, se non que o despedimento masivo de sindicadas ven agora acompañado do intento de revogación do comité de empresa. “Queren realizar novas votacións coa xente que quedou no centro, á que teñen coaccionada e atemorizada”, indican, á vez que sinalan que o xerente ameazou con “acabar con toda a que estea sindicada ou forme parte do comité”.

Concentración na Deputación de Pontevedra

“O conflito non é unicamente laboral se non social”, afirma Xoan Xosé Bouzas Aboi, da CIG-Salnés, que recorda que o centro se financia grazas a un convenio coa Xunta e a cuantiosas subvencións. “Vamos esixir ás institucións públicas que se impliquen para por fin ao conflito”, sinala o sindicalista, motivo que deu lugar á concentración deste venres 9 de agosto na Deputación de Pontevedra.

Despois de teren logrado o apoio dos grupos da oposición de Vilanova de Arousa – non así do alcalde, do PP - , e de solicitaren unha entrevista coa Consellaría de Servizos Sociais, as traballadoras pretenden implicar o organismo provincial. Así, entregaron no rexistro unha solicitude de xuntanza co presidente da Deputación, Rafael Louzán (PP), co que mantiveron un breve encontro á súa saída do edificio.

“Manobras suxas” e presenza dun infiltrado

A única victoria legal até o momento foi a de demostraren a cesión ilegal de máis sde 40 traballadores da empresa que xestiona o centro Valle Inclán, denominada Viajes Silgar, a outra de recente creación, Nurtime S.L, pertecente ao mesmo propietario, Franciso Janeiro. No entanto, as traballadoras descoñecen as causas da operación. “Hai algo suxo por tras de todo isto”, engaden.

Por outra parte, as tácticas amedrentadoras da xerencia parecen non ter límites. Hoxe mesmo voltaba acompañar as mobilizacións un individuo de entre 50 e 60 anos que fai seguimento dos movementos das traballadoras, que ao ser sinalado abandonou o lugar. Polo visto, o terror patronal non fica reducido ao recinto da empresa.

Novas anteriores

> 2/08/2013

31/07/2013

24/07/2013

19/06/2013