A xerencia do Valle Inclán tutela a revogación irregular do comité de empresa entre grandes tensións

Do grupo de 36 empregadas que promoveron a revogación, só 2 pertencen a Viajes Silgar
Onte, luns 12 de agosto, tiña lugar a asemblea promovida por 36 traballadoras afins á dirección para revogaren o comité, principal ponta de lanza contra o proceso represivo que se vive no centro da terceira idade de Vilanova de Arousa. Despois de impediren o acceso das despedidas, que legalmente teñen dereito a participaren, realizaron unha votación fóra da lei na que participaron traballadoras doutra empresa nun ambiente de grande tensionamento. Despois dos feitos despedíase outra traballadora, e van xa 23.
13/8/13.

O cúmulo de irregularidades dentro do proceso xeral de acoso e represión á que a dirección do centro da terceira idade de Vilanova de Arousa está a someter ás traballadoras parece non ter fin. As ameazas da xerencia de por fin a calquera resposta sindical materialízanse agora nun proceso de revogación do comité "completamente fóra da lei", segundo a CIG.

“Das 36 que apresentaron o escrito na O.P.R. para revogaren o comité, só 2 pertencen a Viajes Silgar, a empresa matriz”, indica Xoán Xosé Bouzas Aboi, secretario da Unión Local da CIG-Salnés, que ten constancia do trasvasamento de empregadas a outra filial, Nurtime S.L. Aínda, así, este colectivo afín á dirección proseguiu no seu empeño até forzar a asemblea que finalmente tivo lugar onte, luns 12 de agosto ás 22 horas, no medio de grandes tensións.

Incidentes na asemblea

Ao centro só puideron entrar as traballadoras en activo, a pesar de que a lei contempla que as despedidas poden participar nos procesos mentres non exista sentenza xudicial firme. Deste xeito, nen sequera a presidenta do comité de empresa puido acceder á xuntanza, que estivo presidida por 3 membros legais do organismo, unha da CIG e as outras dúas de UGT e CCOO, respectivamente.

Unha vez iniciada asemblea, informaron de que non podería ter lugar a votación ao non constituiren as promotoras o tercio legalmente necesario para a revogación. Indicaron, ademais, que das 69 asistentes só 27 cumprían os requisitos para poderen participar, pechando a sesión entre un cruzamento de acusacións co colectivo de afins á dirección. Porén, despois de levantar a sesión ás 22:45, as pro-patronal realizaron unha votación que agora pretenden validar legalmente.

Pola súa parte, as 20 traballadoras despedidas e sancionadas ás que se lles impediu a entrada solicitaron un atestado das forzas de seguranza para deixar constancia desta vulneración dos seus dereitos, procedendo hoxe a denunciar os feitos ao xulgado. Desde o comité lexítimo, onde existe unidade de acción entre os sindicatos, aseguran que tomarán todas as medidas legais para deter o intento de revogación “completamente irregular” amparado pola dirección.

Despois destes feitos, hoxe producíase un novo despedimento, sumando un total de 23, e mesmo non se descartan novos ceses nas próximas horas.

Proposta de moción municipal

Noutra orde de cousas, os grupos municipais do BNG e PSOE en Vilanova informaron de que a súa proposta de moción en prol das traballadoras despedidas terá lugar antes de fins de agosto. O alcade do PP, pola súa parte, adianta que hai algunhas cousas coas que está de acordo e outras que “cómpre matizar”. Na proposta, ínstase á Xunta a investigar o que está a pasar nunha empresa que recibe cuantiosas axudas públicas.

Novas mobilizacións

O colectivo de traballadoras afectadas realizará, pola súa parte, novas mobilizacións para esixir a readmisión das 23 despedidas e esixir o pagamento dos salarios adebidados e a fin da represión sindical. Este mércores 14 de agosto concentraranse ás 12 da mañá en Nigrán diante do domicilio de Francisco Janeiro, administrador único de Viajes Silgar. Desde o comité denuncian o seu rol de cómplice “que permite que os seus subornidados actúan deste xeito”, en referencia aos incidentes e novos despedimentos.