As despedidas do Valle Inclán protestan no domicilio do propietario da empresa en Nigrán

O chalé que Francisco Janeiro ten en Nigrán foi o novo cenario das mobilizacións
Traballadoras despedidas da residencia da terceira idade Valle Inclán de Vilanova de Arousa levaron as protestas ao domicilio en Nigrán do administrador único de Viajes Silgar, empresa que xestiona o centro. Acusan a Francisco Janeiro de estar por tras do proceso de represión sindical e laboral que supuxo o despedimento de 23 profesionais.
14/8/13.

Aínda que o executor de todas as sancións e despedimentos está a ser Enrique Martínez, xerente do centro, as afectadas sosteñen que o propietario da empresa Viajes Silgar non pode quedar á marxe, “por moito que incluso negue ser o dono da empresa”, indican.

Neste sentido, parte das despedidas e membros do comité de empresa concentráronse este mércores 14 de agosto ás portas do seu domicilio en Nigrán para as escoite e que “a veciñanza se entere de que nos debe cartos e continúan os despedimentos”. Unha vez alí, e acompañadas de perto por unha patrulla da garda civil, despregaron unha faixa e corearon consignas contra a represión no centro.

A concentración ten lugar dous días despois da tentativa “completamente irregular” de revogar o comité de empresa, principal ponta de lanza das mobilizacións. “As persoas que asinaron en prol da revogación xa non forman parte do cadro de persoal de Viajes Silgar, se non doutra empresa que se chama Nurtime S.L.”, indica Fernanda Lois, presidenta do organismo. A pesar de que desde o comité informaron a este grupo de traballadoras afíns á dirección -moitas delas coaccionadas- que non cumprían as condicións legais para a revogación, decidiron levar a cabo “unha votación ilegal”.

Ademais, denuncian, “non deixaron entrar ás instalacións ás traballadoras despedidas, que mentres non exista unha senteza en firme seguen formar parte do censo legal”. “Mesmo chamaron á Guardia Civil para nos botar”, indica a presidenta do comité, que solicitou ao corpo armado que deixase constancia desta actitude hostil.

“Legalmente temos a razón e así llo fixemos saber á Oficina Pública de Rexistro”, sinala Xoán Xosé Bouzas Aboi, secretario da Unión Comarcal da CIG-Salnés "por iso o comité continúa a ser legalmente o mesmo". “Por tras disto está a dirección, e por iso viñemos hoxe á casa de Francisco Janeiro”, engade.

Despois dunha xornada protagonizada pola tensión e o cruzamento de acusacións, a dirección despedía unha nova traballadora, desta volta unha auxiliar de enfermería.

Pleno do concello de Vilanova de Arousa

Por outra banda, confírmase que vai adiante a proposta de pleno extraordinario en apoio ás despedidas apresentada polos grupos municipais de BNG e PSOE no concello de Vilanova de Arousa, que terá lugar antes de que remate agosto. “Non é só un problema laboral, se non social, tratándose dunha empresa com máis de 90 traballadoras e por tanto unha das maiores da comarca”, salienta Xoán Xosé.