A CIG-Servizos exixe á concesionaria da cafetería da CRTVG que abandone o servizo

Esta mañá concentráronse diante das oficinas de SOCISER, en Silleda, para que se readmita ao persoal despedido
Malia térense sucedido as mobilizacións, desenvolverse unha folga na que participou o 100% do persoal –desde o día 19 de agosto até o día 3 de setembro- e manterse desde o día 1 de agosto o boicot masivo do persoal da CRTVG á cafetería que está nas instalacións do ente público, a empresa concesionaria eludiu negociar para solucionar o conflito laboral existente. Ante esta situación, a CIG-Servizos exixe á empresa que abandone o servizo e á CRTVG que convoque un novo concurso que garanta a subrogación do persoal e o mantemento das condicións laborais.
20/9/13.

O día 1 de agosto unha nova empresa comezaba a xestionar a cafetería da CRTVG. Ese mesmo día impedíase acceder ás instalacións do ente público a 3 traballadores/as, que coñecían así a noticia de que estaban despedidos/as. De contado, o persoal da CRTVG acordaba un boicot á cafetería e demandaba a inmediata readmisión destes compañeiros/as.

A empresa, ademais dos despedimentos, cambiaba as condicións laborais a varios traballadores/as, modificando horarios de traballo ou reducindo a xornada laboral.

Ante esta situación, e para exixir tanto a readmisión como o mantemento das condicións laborais, a CIG-Servizos convocaba unha folga indefinida desde o día 19 de agosto, que foi secundada polo 100% do persoal. O día 3 de setembro, como mostra de boa vontade para abrir o diálogo e poder chegar a un acordo, o persoal regresaba aos seus postos.

A partir de aí mantíñanse as concentracións, tanto diante da TVG –co apoio dos comités de empresa e do persoal do medio público xunto co das compañías subcontratadas- como en Silleda, no polígono industrial, onde a empresa concesionaria, Coesco Deza Culinaria, ten as súas instalacións e no centro da vila, onde está a sede de SOCISER, cabeceira do Grupo.

O día 13 de setembro celebraban unha nova xornada de folga, tras acordar executar xornadas de folga en momentos puntuais e como forma de presión para obrigar á empresa a sentar a negociar.

Aitor Sebio, da CIG-Servizos de Compostela, explica que, malia isto, “a empresa non fixo ningunha proposta  de solución directamente aos traballadores/as afectados, nin á CIG, nin ao Comité de Folga. Os únicos que houbo foron a través do Comité de Empresa da TVG”.

Sebio sinala que a empresa xustifica despedimentos e cambios nas condicións laborais argüíndo a redución do horario operativo da cafetería. Porén, subliña que por parte da CRTVG asegurouse que se a empresa o solicitaba, se lle podía conceder unha ampliación de horarios. “A resposta da empresa foi que on estaba interesada porque non tiña sentido ao non estar garantida a obtención de beneficios”.

Ante isto a CIG considera que se a empresa entende que non vai obter beneficios abondo, o mellor é que abandone o servizo e que a CRTVG convoque un novo concurso garantindo a subrogación do persoal, o mantemento das condicións laborais e apertura da cafetería en horario suficiente.

O pasado mércores o Comité Interempresas convocaba unha asemblea do persoal da CRTVG, RG e TVG, na que se acordaba continuar indefinidamente co boicot, mentres non se propoña unha solución por parte da concesionaria ou do propio ente. A CIG-Servizos anuncia que, xunto a isto, continuarán as mobilizacións e hoxe mesmo concentráronse diante das oficinas de SOCISER para seguir presionando e obrigar á concensionaria a sentar a negociar.