Despedidas do Valle Inclán reivindican ante Beatriz Mato a implicación da Consellaría de Traballo

O colectivo de traballadoras cancelou as contas bancarias nas que percibían os salarios
Traballadoras despedidas da residencia da terceira idade Valle Inclán de Vilanova de Arousa concentráronse este xoves 19 de setembro en Vilagarcía durante unha visita da conselleira de traballo e interpelárona sobre a súa implicación no conflito. As accións reivindicativas continuaron este venres 20, no que cancelaron de xeito colectivo as contas que o xerente da empresa as obrigara a abrir no Banco Etxeverria para poderen cobrar.
20/9/13.

O colectivo de despedidas do centro da terceira idade continúa a vaga de mobilizacións para esixiren a readmisión e o pagamento de atrasos ás 39 represaliadas pola súa actividade sindical e reivindicativa, nun dos casos máis flagrantes de abusos patronais que se está a viver no noso país.

Unha semana despois de se entrevistaren coa Directora Xeral Técnica da consellaría de Traballo, á que demandaron maior implicación da administración, as traballadoras colleron por sorpresa á propia responsábel do departamento, Beatriz Mato, que acudía a un acto en Vilagarcía.

Despois de despregaren unha faixa e dunha primeira negativa, conseguiron finalmente falar coa conselleira en presenza dos medios de comunicación. Foi entón cando Fernanda Lois, presidenta do comité e vítima de despedimento, lle preguntou se coñecía a situación e se tiña previsto tomar medidas, ao que Mato se limitou a respostar “que o estaban a estudar”.

As despedidas comunicáronlle, asemade, que o proceso represivo está a afectar tamén á calidade asistencial, provocada por unha maior desorganización, defiencias en asistencia e limpeza e contratación de novo persoal con pouca experiencia.

Con esta acción, as traballadoras do Valle Inclán pretenden socializar o conflito e sinalar a responsabilidade da administración autonómica, principal sufragadora do centro.

Peche de contas en Banca Etxeverria

Este venres 20 de setembro as despedidas cancelaron colectivamente e de forma pública as contas que a xerencia as obrigara a abrir en marzo na Banca Etxeverria para percibiren os seus salarios. 

Despois de meses de impago, denuncian “manobras escurantistas” da empresa tanto no requisito imposto no seu día para poderen cobrar como no feito de que os ingresos non estivesen a nome da empresa Viajes Silgar, na que estaban contratadas para traballaren no centro.

Hoxe, as traballadoras que continúan no Valle Inclán foron cedidas a “Nurtime S.L”, mais outra empresa que xunto a “Yanik Vigo” - que figura como propietaria do centro- conforman unha trama conformada en base aos intereses dos explotadores da residencia.

Avanzos xudiciais

Despois de teren acudido aos tribunais, de conseguiren o recoñecemento por parte de Inspección de traballo de numerosas irregularidades e mesmo de se teren entrevistado cos grupos políticos da oposición parlamentar e coa consellaría de traballo, aseguran que continuarán coas mobilizacións até lograren por fin á situación.

Así, amparadas pola CIG, interpuxeron unha nova demanda polo “proceso especial de tutela dos dereitos fundamentais por vulneración de dereitos e liberdades sindicais como dereitos fundamentais, igualdade e ausencia de tutela xudicial efectiva, liberdade ideolóxica, expresión, información, intimidade e propia imaxe.

Ademais, están a preparar unha denuncia poñendo os feitos a consideración da fiscalía para que inicie unha investigación, se proceder.