A CIG alerta do perigo de que Gadis pretenda desfacerse de persoal

Instaláronse a mediados de xullo substituíndo algunhas das existentes
A mediados do mes de xullo, Gadis reemprazou, no supermercado de Fernando III, en Santiago de Compostela varias das caixas para pagamento da compra por outras automáticas de autoservizo. Aínda que de momento están sendo probadas e non houbo diminución algunha de persoal, a sección sindical da CIG no comité de empresa de Gadisa témese que a pretensión da cadea sexa substituír ás traballadoras polas máquinas.
23/9/13.

A sección sindical aclara que, polo de agora, a empresa non anima á súa clientela a pasar polas caixas automáticas. Ademais, hai unha persoa, que xa era caixeira, para controlar posíbeis incidencias, atascos ou erros.

As caixas de autoservizo, nas que se pode pagar con tarxeta ou efectivo, están a ter boa aceptación e a Sección Sindical da CIG no comité de empresa de Gadisa, considera que a súa instalación pode ser positiva se o que se pretende é facilitar o labor das traballadoras. Porén, alerta da posibilidade de que se pretenda, tras comprobar a súa efectividade e aceptación, suplir a traballadoras por máquinas, o que sería entón “inadmisíbel”.