O Comité de Gaia-Movex denuncia que a UTE despide 2 traballadores e contrata novo persoal

Reclaman da Fundación Deporte Galego, titular dos complexos que xestiona a empresa, que interveña ante os incumprimentos
O Comité da UTE Gaia GD-Movex Vial compareceu este mércores en rolda de prensa para denunciar as irregularidades que está a practicar a empresa, que xestiona os complexos deportivos da Sardiñeira, Elviña e Agra, e demandar da Fundación Deporte Galego (dependente da Xunta de Galiza) que interveña, na súa calidade de titular das instalacións, ante os manifestos e reiterados incumprimentos da empresa.
23/10/13.

O Presidente do Comité, Rubén Duruelo, explicou que a UTE despediu a dous traballadores hai unhas semanas amparándose na reforma laboral e alegando motivos económicos. Porén, denunciou a fraude que supoñen estes despedimentos, xa que nas mesmas datas a empresa procedeu a realizar 8 novas contratacións con carácter eventual, cinco contratos fixos-discontinuos e dous contratos con carácter indefinido.

Ademais destes novos contratos, Duruelo apuntou que en xaneiro deste ano (antes de que comezasen os problemas laborais) distribuíse entre os traballadores/as unha bolsa de produtividade (por valor de máis de 10.000 euros) e mesmo o director dos centros recoñeceu nunha carta enviada ao persoal hai uns días que no último ano se conseguira a marca de usuarios/as nestes complexos deportivos, acadando a cifra de 10.500 abonados/as titulares. 

“Non existe ningún motivo económico que xustifique o despedimento de dous compañeiros. A empresa está utilizando de xeito fraudulento a reforma laboral para acometer uns despedimentos que non teñen razón de ser”, aseverou o Presidente do Comité.

Atrás destes despedimentos, o persoal entende que se atopa a re-negociación do contrato de explotación, derivada dos múltiples incumprimentos por parte da empresa. Neste senso, Duruelo lembrou que Gaia GD-Movex Vial non está abonando á Xunta o canon correspondente pola explotación das instalacións “practicamente dende que lle foron adxudicadas no ano 2006”.

A situación é tal, matizan dende o Comité, que a propia administración galega recoñeceu que vai ter que sacar novamente a concurso a xestión dos tres complexos deportivos debido aos constantes incumprimentos da UTE. “Entendemos que a empresa está utilizando os despedimentos como arma arroxadiza no marco destas negociacións”, indicouse na rolda de prensa.

Rebaixa no canon

A este respecto, sinalouse que a adxudicación do contrato dos complexos realizouse por 15 anos, máis sorprendentemente a Fundación ampliou o período de explotación a 20 anos e aplicando unha rebaixa no canon de explotación que a UTE ten que pagar á Xunta (dos 60.000 euros mensuais até os 40.000 euros). Unha decisión que o Secretario Nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, cualificou cando menos de anómala e sospeitosa, en función do que estabelece a lexislación vixente.

O Comité de empresa xa remitiu escritos á UTE e á Fundación manifestando o desacordo cos despedimentos e demandado a readmisión dos dous traballadores, mais até o momento non teñen recibido resposta nin por parte da compañía nin da administración.

“Queremos que se restaure no seu posto de traballo aos nosos compañeiros e que a Fundación Deporte Galego responda das múltiples irregularidades cometidas –baixo o seu consentimento e amparo- pola UTE Gaia-Movex Vial”, aseverou Rubén Duruelo, quen criticaba que a empresa se sirva dos cartos que non paga á Xunta para afrontar os custes das indemnizacións dos despedimentos.

Alén dos despedimentos e a falta de pago do canon de explotación, durante a comparecencia deste mércores, o Comité tamén denunciou que a empresa non cumpre co mantemento adecuado das instalacións, pondo como exemplo as malas condicións da cuberta do pavillón da Sardiñeira.