O persoal de Tragsa rexeita o preacordo asinado polos sindicatos maioritarios que supoñía uns 600 despidos

Os empregados/as galegos/as tamén votaron contra a proposta, que contemplaba a rescisión duns 60 contratos no país
O cadro de persoal da empresa pública Tragsa rexeitou o pasado martes o preacordo asinado entre a dirección e os sindicatos CCOO, UGT e CSIF que contemplaba o despedimento de 593 traballadores/as no conxunto do Estado español, ademais dunha redución salarial e de xornada. Os empregados/as galegos/as da compañía tamén votaron maioritariamente en contra dunha proposta que suporía a rescisión de 58 contratos no noso país.
28/11/13.

O preacordo foi alcanzado o pasado xoves día 21 en Madrid entre a empresa e o comité intercentros, onde a CIG non ten representación ao contar unicamente cun delegado no comité de Pontevedra, co único vota en contra da CGT. Pero o conxunto dos traballadores/as decidiron tombar a proposta e votaron maioritariamente en contra nas distintas asembleas celebradas este martes.

En Galiza votaron 290 empregados/as dun total de 372 con dereito a facelo, dos que 273 amosaron o seu rexeitamento a unha proposta que só contou con 10 votos a favor. Unicamente se contabilizaron sete sufraxios en branco.

O preacordo contemplaba unha indemnización para os despedidos/as de 20 días por ano traballado cun máximo de 12 mensualidades, ademais dunha redución salarial e de xornada que tería unha vixencia de dous anos a partir de 2014. Ao mesmo tempo, apostaba por incrementar a mobilidade xeográfica do cadro de persoal.

No que respecta ao noso país, as rescisións de contrato concentraríanse maioritariamente na provincia de Ourense, onde se contemplaban 32, mentres que na Coruña habería 16 despidos, cinco en Ourense e outros cinco en Pontevedra.