Concentración no Carrefour das Cancelas contra o despedimento de 4 traballadores/as en Expertus

A empresa é a encargada da resposición das estanterías da multinacional
A empresa Expertus, contratada polo Carrefour das Cancelas para a reposición das estanterías, vén de despedir a catro traballadores/as por participar nunha asemblea sindical convocada para informar ao persoal dos seus dereitos laborais. Por isto, CIG-Servizos e UGT convocaron para esta tarde unha concentración diante da entrada do Carrefour exixindo a súa inmediata readmisión.
05/12/13.

O pasado mes de outubro celebrábanse eleccións sindicais en Expertus en toda a provincia da Coruña nas que a CIG obtivo 2 delegadas e a UGT 1. Posteriormente se celebraron asembleas informativas detectando a alta precariedade na que se atopan as traballadoras/es desta empresa, con contratos en fraude de lei, a tempo parcial, con alta flexibilidade horaria e con reducións ou ampliacións de horarios en función dos intereses da empresa.

Expertus, unha vez tivo coñecemento destas asembleas procedeu ao despedimento destes catros traballadores/as que desenvolvían a súa actividade, todos/as eles/as, ao centro comercial de Compostela, coa clara intención de transmitir ao resto do persoal a mensaxe de que nesta empresa non se vai permitir acción sindical de ningún tipo.

CIG e UGT demandan a inmediata readmisión destas traballadoras e traballadores e o cumprimento da normativa laboral vixente. Denuncian ademais a precariedade laboral á que esta sometido todo o persoal e a inadmisíbel actuación da empresa.

Do mesmo xeito, demandan do Carrefour que vele polo cumprimento da normativa laboral naquelas empresas que realizan servizos para a multinacional.