A CIG da CRTVG rexeita as formas de aprobación das circulares sobre usos informáticos e vestimentas

Prevé a adopción de medidas disciplinarias se non se observan criterios de “vestiario sobrio, correcto e moderado”, entre outros
A sección sindical da CIG da CRTVG considera que as circulares relativas a uso dos sistemas informáticos e sobre vestimentas, aprobadas pola Dirección Xeral do ente “carecen de rigor e clareza” e xa manifestou o seu firme rexeitamento “ás formas coas que foron aprobadas” na Comisión paritaria celebrada o pasado martes. Por iso esixiu que se aclaren os termos recollidos “na procura dunha mínima seguridade, confianza e concordia no ámbito das relacións laborais” e agarda que na xuntanza desta comisión prevista para o vindeiro venres poida avanzarse neste senso.
15/1/14.

A CRTVG vén de emitir unha circular relativa á imaxe, vestimenta e actuación das/os traballadoras/es máis unha resolución sobre os usos dos sistemas informáticos. A sección sindical da CIG entende que a regulamentación nesta materia é habitual sobre todo en empresas de grandes dimensións, como é o caso da Xunta de Galiza, que dispón dunha normativa semellante á aprobada pola CRTVG (Decreto 230/2008, de 18 de setembro).

Porén, e a diferenza da Xunta de Galiza, salienta que a normativa aprobada pola Dirección Xeral da CRTVG sobre uso dos sistemas informáticos, ao igual que as instrucións sobre vestimentas dos traballadores e traballadoras, “adoecen de falta de rigor e clareza”, ao que entende que contribúe o feito de que “non se estableza ningún artigo que defina conceptos tan complexos, controvertidos e imprecisos como os empregados nas mencionadas resolucións”. Consideran que isto non fai máis que xerar gran “incerteza e inseguridade” entre os profesionais dos medios públicos galegos no desempeño das súas funcións.

Para a sección sindical, esta inseguridade vese acrecentada polo feito de que esta regulamentación se publique sen que previamente se someta a consulta da representación legal do persoal. “Este proceder unilateral por parte da Empresa, aínda máis incomprensíbel se cabe nun contexto de negociación colectiva, reflicte a concepción xerárquica e autoritaria das relacións laborais que ten a Dirección Xeral”, denuncian.

Asemade entenden que proporciona á CRTVG “unha arma contra expresións de carácter social, político ou laboral” dos traballadores e traballadoras da CRTVG e afirman que “isto non axuda a propiciar o clima de colaboración e paz social que se precisa para que os medios públicos galegos poidan desenvolver con calidade as altas prestacións que lle foron encomendadas polo Parlamento de Galiza”.

Do mesmo xeito consideran que o control empresarial sobre o uso dos sistemas informáticos postos a disposición dos traballadores e traballadoras foi admitido de forma excesiva e pouco garantista, pola xurisprudencia do Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional.